A EFA Piñeiral de Arzúa acolleu unha masterclass a cargo do chef lalinense Álex Iglesias
- Laura Moure
- 26 feb
- 2 Min. de lectura
Foi a primeira das actividades da 50 edición da Festa do Queixo
Laura Moure/Arzúa
Un ano máis o centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral acolleu a primeira das actividades previas da programación oficial da Festa do Queixo de Arzúa.
Onte, pola tarde, o chef lalinense Álex Iglesias impartiu a masterclass Algo máis que queixo co Arzúa-Ulloa D.O.P. como protagonista nas instalacións do centro de formación profesional arzuán.

No showcooking o chef apostou por amosar as múltiples posibilidades que o queixo Arzúa-Ulloa ten tanto como entrante, prato principal ou sobremesa, potenciando as maridaxes con outros productos locais como o grelo, lacón ou os ovos. “O contraste de temperatura é capaz de sorprender en boca cos moitos matices do queixo Arzúa-Ulloa, sen necesidade de recurrir a “trampantojos”. “O noso queixo ten moita personalidade pola súa textura e cremosidade, é capaz de elevar calquer elaboración ”afirmou o chef.
Álex Iglesias realizou tres receitas; “Ensalada morna de queixo Arzúa-Ulloa á grella, confitura de tomate e ovo encurtido”, “Ñoquis de queixo Arzúa-Ulloa e pataca con carbonara de lacón con grelos” e a sobremesa “Milfollas de crema de Arzúa-Ulloa, froitos secos e confitura de froitos vermellos.
Cata, obradoiros infantís e actividade no recinto feiral
Hoxe, mércores, a Efa Piñeiral acollerá a cata comentada do queixo Arzúa-Ulloa D.O.P. a cargo de Óscar Pérez, secretario do Consello Regulador. Asemade o alumnado do ciclo de educación infantil do centro de formación profesional liderará nas vindeiras semanas obradoiros de sensibilización sobre o queixo e os recursos locais nos centros educativos da vila. Pola súa banda estudantes e profesorado do ciclo de panadaría, repostaría e confeitaría impartirán a masterclass para cativos “Un queixo moi doce” no propio recinto feiral o sábado día 15 ás 17:00 horas.
A Efa Piñeiral estará tamén presente con stand propio na feira desta 50 edición da Festa do Queixo. Durante o sábado e o domingo o stand acollerá exposición das elaboracións do ciclo de panadaría e repostaría, demostracións de pastelaría a cargo do alumnado do centro, concursos e moitas sorpresas máis. “O noso centro ten vocación de servir á promoción do noso territorio e dos nosos profesionais; por iso eventos como a Festa do Queixo supoñen para nós unha cita imprescindible”, engade Raquel Carregal, directora do centro arzuán.
Comments