top of page

A DXT e a Garda Civil de Tráfico en Galicia activan un Plan de Vixilancia Especial de pneumáticos e luces

Estes dous elementos son esenciais no caso dos usuarios vulnerables da estradas, como motoristas e peatóns, que rexistraron 29 persoas falecidas este ano na nosa comunidade


Laura Moure/Xeral

A DXT e a Garda Civil de Tráfico en Galicia activan desde mañá luns, un Plan de Vixilancia Especial de pneumáticos e luces dos vehículos en coincidencia co cambio de hora estacional e co inicio do empeoramento das condicións meteorolóxicas. Este plan ten como obxectivo reforzar a mensaxe da necesidade de revisar o estado dos pneumáticos dos vehículos para garantir a adherencia, e das luces para ver e ser vistos polo resto de usuarios da vía.


Durante estes días, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto destes dous elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos e luces, tendo en conta da pouca luminosidade desta época, unido ao cambio de hora e a meteoroloxía especialmente adversa desta estación. Os paneis de mensaxería variable da rede de estradas tamén avisarán deste reforzo da vixilancia.

ree

Luces e pneumáticos son especialmente relevantes no caso das motocicletas e peóns, ambos os dous usuarios vulnerables das estradas. Con respecto a estes dous colectivos, a DXT chama a atención de que este ano xa se rexistraron 10 peóns e 19 motoristas falecidos en accidente de tráfico nas vías interurbanas de Galicia.


Pneumáticos

Os pneumáticos constitúen o único e decisivo contacto coa estrada. Son os encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no esvaramento lateral. Tamén se encargan de que a dirección do percorrido do vehículo sexa a desexada polo usuario e da amortiguación das imperfeccións do pavimento. É recomendable que a profundidade das ranuras teña como mínimo 3 milímetros. O límite legal é de 1,6 milímetros.



Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A nivel nacional, aproximadamente máis dun millón dos vehículos, un 5%, circulan con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por baixo do mínimo legal de 1,6 mm; ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta e circular cunha presión errónea.


Tamén é necesario comprobar regularmente a presión do pneumático en frío e a roda de reposto, así como revisar posibles fugas de aire polas válvulas. O tapón da mesma constitúe un elemento de estanqueidade, polo que o seu uso é imprescindible.


Iluminación e sinalización

A finalidade das luces dos vehículos non só é a de ver, senón tamén a de ser visto, xa que cada vehículo en circulación é, na práctica, un obstáculo para os demais, polo que a delimitación da súa presenza tamén é determinante para os peóns e ciclistas, os máis vulnerables.


Para que a condución se realice en condicións de seguridade, aconséllase prestar unha especial atención á utilización, mantemento e regulación dos faros, para conseguir, por unha banda, dispoñer de luz suficiente e, por outro, non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Lémbrase que é obrigatorio utilizar a iluminación que regulamentariamente se estableza cando existan condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade, como en caso de néboa, choiva intensa, nevada, nubes de fume ou de po ou calquera outra circunstancia análoga.


Especialmente nesta estación do ano, con menos horas de luz, a DXT recomenda que os vehículos leven as luces acesas, mesmo de día: un coche coa luz acesa é sempre visible a maior distancia, sen depender de se é un vehículo de cor negra, gris ou branca. Está demostrado que circular de día levando as luces curtas acesas reduce de forma drástica o risco de sufrir un accidente, aumenta a visibilidade dos vehículos e ademais, os peóns perciben antes ao vehículo que se lles achega.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page