top of page

A directiva da Asociación Amigos da Empanada di "sentirse amedrentada ante as constantes agresións"

Veuse na obriga de presentar unha denuncia ante a Garda Civil de Lalín



Ecos da Comarca/Silleda

COMUNICADO DA ASOCIACIÓN AMIGOS DA EMPANADA DA BANDEIRA (SILLEDA)

"Comezou Agosto e a actividade festeira en A Bandeira é frenética. Para a directiva de Amigos da Empanada todas as horas do día son poucas para todo o traballo que queda por facer. Documentos, chamadas, correos electrónicos, carteis, mesas, carballeira, petitorio... Estas palabras repítense continuamente na sala nova do Centro Cultural Vista Alegre, lugar dende onde traballa a directiva.

“Leva sendo un ano un pouco complicado para a directiva da asociación porque as faltas de respecto cara a nós son constantes e as mentiras e loiadas van en aumento. O que nunca imaxinamos foi chegar ao nivel no que estamos neste momento” di Andrés Seoane, presidente da asociación. Comezou agosto e con el o petitorio nos negocios e nas casas e, aínda que a resposta xeral é boa, aumentaron as malas contestacións, os "portazos" na cara e, o que é máis grave, os insultos: ladróns, imbéciles, “vouche arrancar os ollos”... son algunhas das perlas que a directiva tivo que escoitar xa e só van alá catro días do mes de Agosto. A gota que colmou o vaso foi o ocorrido no día de onte.


Publicidade

Preme na imaxe se queres obter máis información do evento.

Ante o requirimento a un veciño por insultar a dúas compañeiras, este reaccionou violentamente, acurralando e erguéndolle a man a un membro da directiva. Ante esta actitude, a directiva veuse na obriga de presentar unha denuncia ante a Garda Civil de Lalín que derivou o caso á Policía Local de Silleda por atoparse a esa hora fóra de servizo.

O acoso e as agresións vividas nos últimos días non se van consentir en ningún caso. A directiva fai un traballo altruísta, en beneficio do pobo e para o pobo e non vai consentir este tipo de actitudes. Todo o traballo que se fai é para poñer A Bandeira e a Festa da Empanada no mellor sitio posible, para que se coñeza e que, tanto negocios coma veciños, obteñan un beneficio e se sintan, se cabe, máis orgullosos de vivir nun pobo coma A Bandeira. A organización da Festa da Empanada é un traballo de moitos meses, de viaxes a Santiago, a Pontevedra, de preocupacións, problemas e sobre todo, de roubarlle moitas horas á vida persoal e familiar. Os membros da directivas fano de xeito voluntario, porque lle queren ao seu pobo e á súa xente e están orgullosos da Festa de Empanada pero isto non lle dá dereito a ningún veciño a faltar ao respecto, insultar ou agredir a ningún deles. Se estas actitudes non cesan, Amigos da Empanada verase na obriga de tomar unha decisión drástica para acabar co problema.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“As cousas estanse a pór moi serias e non imos consentir este tipo de actitudes. Hai compañeiras que din ter medo de ir soas para a casa ante as amezas recibidas e, tal e como están as cousas, non nos vai tremer o pulso para tomar unha decisión drástica. Cremos que isto se pode frear a tempo e confío en que a actitude deste grupo reducido de veciños vai cambiar. Todos os cambios e decisións que se toman desde a Asociación a respecto da festa non son un capricho noso. Limitámonos a cumprir coas obrigas de seguridade que nos impoñen e buscamos sempre a maneira de facer as mellores festas, respectuosas, integradoras e accesibles para todos e todas”, indica Andrés Seoane.

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page