A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defende este proxecto
Ecos da Comarca/Comarca de Arzúa
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, defendeu este mércores no Pleno da Cámara galega un desenvolvemento "do sector mineiro garantista, sustentable e respectuoso coa contorna natural". Fíxoo en resposta a unha pregunta oral sobre a declaración como proxecto industrial estratéxico da iniciativa de Cobre San Rafael nos concellos de Touro e O Pino. Mentres, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON afirma que "se a DIA foi negativa en Touro o PIE tamén terá que ser negativo"
Lorenzana subliñou que este proxecto, "que vai supoñer a creación de case 400 postos de traballo directos e propiciará a atracción de preto de 200M€, foi sometido aos informes do Consello Galego de Cámaras, dos concellos de Touro e do Pino, (da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade), da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, da Dirección Xeral de Urbanismo e do Igape".
"O cobre foi catalogado pola Unión Europea no ano 2023 como materia prima crítica polo incremento da demanda e as dificultades para aumentar a produción, tendo en conta que o 82% co que se traballa en Europa procede doutros países. A redución das importacións de cobre e o fomento do autoconsumo responsable é, polo tanto, outro dos beneficios que incorpora o proxecto, atendendo as directrices europeas e á Axenda de impulso da minería sostible 2030".
A conselleira asegurou "que a previsión é que o desenvolvemento deste proxecto mineiro exerza de elemento de ancoraxe da cadea de valor da industria, tendo en conta que o cobre é unha materia prima esencial para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos, como as enerxías renovables, o transporte, a construción, etc. Ademais, agárdase que sirva para asentar traballo e poboación no rural, para reter e atraer talento, e para crear oportunidades de futuro para a mocidade da comarca".
En total, xa son oito os proxectos industriais declarados como estratéxicos, "que implican máis de 2.000M€ en investimentos e máis de 4.000 empregos en Galicia. Uns proxectos que se incorporan no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, dentro da nova política industrial galega, dirixida a impulsar e facilitar a implantación e ampliación de investimentos industriais en Galicia e reducir os seus prazos, tendo en conta a súa relevancia e o seu interese".
A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non envíanos este comunicado no que afirma que se "a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) da mina de Touro foi negativa o PIE (Proxecto Industrial Estratéxico) tamén o ten que ser".

A DIA FOI NEGATIVA EN TOURO E O PIE TAMÉN TERÁ QUE SER NEGATIVO
"Os concellos de Riotinto e Nerva, onde Atalaya Mining conta coa sua única actividade de minería metálica na península en funcionamento, onde prácticamente é un monopolio de actividade pola sua tradición mineira e onde todo vascula aredor da mina, acumulan unha tasa de desemprego de 16,81% e 19,57%. Esta empresa que pretende, a través dunha nobel e inexperta empresa que crea ad hoc, reabrir a actividade mineira nos concellos de Touro e O Pino a menos de 1000 metros dos albergues do Camiño de Santiago en Pedrouzo, a derradeira etapa do Camiño Francés por onde pasan anualmente máis de 200.000 persoas de diversas nacionalidades que buscan lecer, tranquilidade, paisaxe e tranquilidade no Camiño e no entorno; a menos de 500 metros de vivendas en Touro que se verán gravemente afectadas por non decir expulsadas do seu entorno para favorecer a implantación da mina.
Publicidade
Nos concellos de Touro e O Pino o desemprego é residual, apenas entre un 5 % e 8%, e todos os días se poden atopar ofertas de emprego para cubrir postos de traballo asentados e sostibles nas actividades asentadas na comarca como son a agricultura, industrias agroalimentarias, gandeiría, turismo, forestal, comercio, transporte... todas elas totalmente incompatibles con que lles poñan unha mina á porta totalmente irrespetuosa coas actividades actuais, e menos aínda que as deixen sen masa territorial suficiente para poder continuar coa actividade actual, como pode ser o caso de gandeirías que poden ver expropiadas as súas terras en favor da mina, e que os despacharían cunha expropiación, por non falar da perda de valor patrimonial das vivendas que se verán totalmente devaluadas.
Destes datos podemos pensar que o que se pretende é cambiar a actividade das persoas na zona e que todos se volvan mineiros, pero tamén podemos pensar que o que se pretende é recolocar a xente desempregada ou excedente doutras zonas mineiras, para ocupar aquí postos, tendo en conta que neste tipo de empresas o persoal técnico e especialista xa contan con el, coa terrible consecuencia de que as actividades económicas asentadas que actualmente diversifican beneficios e emprego na comarca, vaian pechando para deixar a zona en monopolio da mina, como acontece nos concellos onde está actualmente, onde por citar de xeito anecdótico solo existe un hotel, con moi poucas reservas ao longo do ano.
Publicidade
O papel da Conselleira de Industria totalmente a favor deste proxecto temos que rexeitalo e facerlle unha chamada de atención á sua posición totalmente subxectiva a favor desta
mercantil, sin analizar antes o que o que acontece nestas terras; este proxecto xa obtivo unha DIA negativa sobre todo polas súas repercusións sobre todo na cunca do río Ulla, porque a xente nunca se ten en conta; coa aceptación dun proxecto industrial estratéxico estase obviando esta declaración, dun proxecto que é o mesmo, unha mina a ceu aberto no medio de vivendas e propiedades que xeran economía e tamén son industria.
Tamén sinalar a ausencia de participación pública nesta categoría de proxectos, o que fai adiviñar o medo ás alegacións e informes en contra que se poidan aportar por parte da poboación, no sería precisa a figura dun decreto lexislativo que limite a participación pública, se as cousas se fan ben, a pesar de ter unha declaración de proxecto industrial estratéxico a poboación directamente afectada non conta cos documentos para avaliar e poder defenderse e opinar en tempo e forma".
Comments