Natural deste municipio, reside dende hai anos na Aldea do Monte en Agolada, e estivo outros tantos anos no hospital de Ourense
Laura Moure/Deza
Cando un traballo se fai por vocación é menos traballo e iso é o que se demostra tamén cando desfrutas do teu labor e o tes que facer de cara o público. "Nunca fun enfadada a traballar". Esta frase explica todo o mencionado anteriormente e é o que nos di a dezá Mercedes Nogueira Pereiro, enfermeira do centro de saúde de Lalín que se xubilou o pasado día 21.
Ela é natural de Lalín, da rúa A, pero dende hai anos vive na Aldea do Monte, na parroquia agoladesa de Ventosa, de onde é natural o seu marido. Pertence a primeira promoción da Diplomatura de Enfermería de Pontevedra. "Esta carreira empezouse a impartir en Santiago de Compostela xusto un ano antes de comezar en Pontevedra", explica.

Confesa que dende nena sempre desexou sen enfermeira, pero sen embargo, aos seus pais, en especial a súa nai, non lle convencía esta decisión e aconsellárona matricularse en Maxisterio. "En Maxisterio só estiven tres meses porque eu o que quería era ser enfermeira. Somos catro irmáns, eu a única muller, e era entendible que meus pais non puideran pagarme unha segunda matrícula, pero como era a única muller conseguín convencer a meu pai e aí comecei", conta Nogueira.
O seu primeiro traballo como enfermeira foi nun centro da terceira idade en Lalín tras aprobar a praza e estivo dende o 1986 ata o 1991, ano no que se cambiou para o Sergas e aí comezou a súa andaina no hospital de Ourense. "Fun para un ano agardando a que me saíse un traslado máis cercano e ao final foron 17 anos indo todos os días dende a Aldea do Monte a Ourense e as estradas non eran para nada o que son hoxe en día. Por sorte nunca tiven un accidente, pero si que o teño pasado mal sobre todo no Alto de Santo Domingo onde me atopaba con neve e xeadas, que para nada antes se botaba sal como agora. Aí teño chorando ben lágrimas", confesa. Sen embargo, sinala que o amor pola súa profesión podía con todo, incluso, coa tristeza de perder moitos momentos da infancia dos seus fillos Manuel e María.
Foi no 2006 cando conseguíu o traslado ao centro de saúde de Lalín. Estaba na quenda de tarde e nos últimos anos tamén decidiu formar parte dos reforzos de Urxencias, algo que deixou coa chegada da pandemia da Covid 19. "Foi unha situación moi complicada porque non había mascarillas; hoxe había unha orde de como debiamos actuar, pero mañá xa era outra... E todo isto aos meus sesenta e algo anos...., non é como se me toca vivir algo así aos 30", subliña.
Pero a pesar desta etapa da Covid que foi dura para todos, e en gran medida para os sanitarios, Nogueira colga a bata quedándose só con moitos e bos momentos. "A xente é moi riquiña e eu sempre tiven a sorte de ter moi bos compañeiros", recalca. Agora aos seus 65 anos tócalle descansar e desfrutar da vida. Ata hai uns días, ela cuidou dos demais e agora toca cuidarse e mimarse a unha mesma. E nós co seu testemuño quedámonos coa máxima de que un traballo é menos traballo se fas o que che gusta e que sempre se debe loitar polos teus soños. Feliz xubilación, Mercedes!
Comentários