A deputada nacionalista Ariadna Fernández preguntará polas parcelarias de Agolada
- ecosdacomarca
- 17 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Lembra que son tres e que acumulan máis de 20 anos de atraso
Ecos da Comarca/Agolada
Este venres 18 de outubro o BNG, a través da deputada comarcal Ariadna Fernández, preguntará na comisión sétima de Medio Rural por asuntos relacionados directamente coas tres parcelarias que acumulan máis de 20 anos de atraso en Agolada. Despois de varias reunións co grupo municipal do BNG e con representantes da Asociación Queremos Parcelarias, os nacionalistas levarán o asunto ao Parlamento Galego ao considerar que se trata dun tema chave para o desenvolvemento da actividade agrogandeira na localidade agoladense, afectada gravemente pola crise demográfica que
está a vivir o rural galego.

Acusan ao goberno da Xunta de Galiza "dunha clara falla de vontade e interese ao respecto desta reestruturación territorial que tantos anos leva sido demandada", culpando
á Consellería de Medio Rural "dos atrasos reiterados sen ningún tipo de xustificación,
deixando atrás a gran cantidade de produtores e proxectos futuros que non se desenvolven por non haber avances na concentración".
“É unha absoluta falla de respecto que non se reúnan coa veciñanza e que cando o fan sexa para repetir promesas manidas que xa ninguén cre e que se esquecen ao pasar as eleccións” aclara a deputada do Bloque, que afirma que “o procedemento podería estar rematado no 2023 e listo para poder decretarse a parcelaria, pero non é así a pesares de
que a antiga directora xeral do AGADER se comprometera a iso hai máis de ano e medio
diante dos veciños e veciñas”.
Publicidade
A portavoz do grupo municipal, Susana Tato, confía en que “esta nova solicitude de información e solucións sexa un paso máis para que dende a Xunta se comprometan de xeito real e con prazos claros a levar a cabo as parcelarias tan necesarias no noso concello e no sector” e avanza que de non ser así seguirán a reclamala á beira da veciñanza, que segundo a propia Susana afirma “é onde sempre estaremos dende o BNG”
תגובות