Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Deputación reparte manteis divulgativos do 'caldo de gloria' en Agolada, Silleda, Cruces e Lalín

Unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona nun dos seus poemas e a iniciativa pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular


Laura Moure/Deza

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Lingua, vai distribuír entre 33 concellos da provincia, entre eles Agolada, Silleda, Vila de Cruces e Lalín, manteis divulgativos sobre o Caldo de Gloria, unha receita humilde que Rosalía de Castro menciona no poema Miña casiña, meu Lar do libro Follas Novas. A iniciativa, que se desenvolve da man da Fundación Rosalía de Castro’, pretende poñer en valor tanto a lingua galega como a gastronomía tradicional popular.


Os manteis serán utilizados o vindeiro día 23, cando se conmemora o aniversario do nacemento de Rosalía, nos comedores escolares dos centros de ensino públicos e na hostalería local de cada municipio. No criterio de reparto primáronse os establecementos que ofertarán o ‘Caldo de gloria’ na súa carta para celebrar a efeméride sobre a autora de Padrón, os que utilizan o galego como lingua principal, e os que participan do Plan Revitaliza e dispoñan do selo distintivo do plan provincial de compostaxe.

Os manteis divulgativos que se repartirán.

Nesta simbólica iniciativa estaban a disposición dos concellos da provincia 8.000 exemplares do mantel individual de papel co poema e a explicación sobre o Caldo de Gloria. O reparto fíxose por estrito orde de solicitude cun máximo de 150 unidades aos concellos de menos de 5.000 habitantes, 200 aos de entre 5.000 e 10.000, 300 aos de entre 10.000 e 20.000, e 500 aos de entre 20.000 e 50.000. Os concellos e/ou os locais de restauración que precisen máis unidades para estender a proposta teñen a oportunidade de descargalos e imprimilos de maneira autónoma dende a páxina web da Deputación e tamén da Fundación Rosalía.


Na comarca de Pontevedra participarán na iniciativa os concellos de Poio, Barro, Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade; na comarca do Salnés, Meaño, Meis e Ribadumia; no Morrazo Moaña, Bueu e Marín; na comarca de Caldas, Pontecesures, Cuntis, Valga e Caldas; en Deza-Tabeirós Agolada, Silleda, Vila de Cruces, Lalín e Forcarei; na comarca do Baixo Miño A Guarda e O Rosal; na área de Vigo O Porriño, Redondela, Mos, Pazos de Borbén e Salceda de Caselas; no Val Miñor Oia e Gondomar; e no Condado-Paradanta Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mondariz Balneario e Covelo.


Actos institucionais

Esta iniciativa sobre o ‘Caldo de Gloria’ é unha das moitas que a Deputación vai levar adiante para poñer de relevo a figura de Rosalía neste mes. Celebraranse dous actos institucionais coorganizados polos departamentos de Lingua e Cultura para festexar o Día de Rosalía o mércores 23 no Pazo Provincial en Pontevedra e o xoves 24 na sede da Deputación en Vigo, ambos ás 19 horas.


Ambos eventos contarán coa intervención musical do grupo de pandereteiras Ialma,e coa degustación de balde dun ‘caldiño de gloria’ que será elaborado polo alumnado dos CIPF Carlos Oroza e CIFP Manuel Antonio, da que o público asistente poderá levar unha cunca conmemorativa de Rosalía de olería tradicional para a súa casa.

Seguindo a proposta da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), tamén se agasallará ao público cun libro en lingua galega, neste caso Violetas no Asfalto, unha antoloxía poética de Lucía Novas -primeiro exemplar da Colección Medal de poesía feita por mulleres da Editorial provincial-, xunto cunha flor, unha camelia do cultivar ‘Rosalía de Castro’ dos xardíns do Castelo de Soutomaior. Así mesmo, nos eventos de Pontevedra e Vigo lerán o manifesto da AELG Miriam Ferradáns e Marta Dacosta, respectivamente. Dado que a capacidade para participar é limitada, as persoas interesadas deben inscribirse no correo protocolo@depo.gal.

58 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE