Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Deputación renova a Avenida de Toques e Friol, vía de entrada do Camiño Primitivo por Melide

O portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, visitou este municipio acompañado do alcalde e do primeiro tenente de alcalde


Laura Moure/Melide

A Deputación da Coruña rematou as obras de renovación dun tramo da DP-4604, a Avenida de Toques e Friol, unha das principais vías de entrada ao Concello de Melide e que ademais é frecuentada por milleiros de persoas ao ser zona de paso do Camiño Primitivo. O portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, visitou este martes Melide acompañado do alcalde da localidade, José Manuel Pérez Penas, e do primeiro tenente de alcalde, José Antonio Prado García, para dar conta dos investimentos que a Deputación está a levar a cabo e ten previstos para Melide.

No caso da avenida de Toques a Friol, os traballos leváronse a cabo nun tramo dun quilómetro de lonxitude. A actuación consistiu na renovación do firme e a mellora da sinalización horizontal para lograr unha mellor convivencia entre o tráfico rodado e os peóns, ao ser esta unha zona moi frecuentada tanto polos veciños e veciñas de Melide como polos peregrinos que transitan polo Camiño Primitivo.


"Con este proxecto humanizamos unha das principais entradas do Camiño Primitivo a esta fermosa vila do Camiño de Santiago e da nosa provincia", destacou Bernardo Fernández, que tamén aproveitou a visita para anunciar "unha moi boa nova, unha vella reivindicación do Concello de Melide, que é o remate do proxecto para a mellora da estrada DP-4603, cun investimento que superará os 600.000 euros". "Unha vella demanda deste municipio nunha das principais entradas do Camiño Francés polo que transitan entre 300.000 e 500.000 persoas ao ano", subliñou.


Outra das novidades que anunciou o portavoz do goberno provincial foi a da continuidade do proxecto de mellora da seguridade viaria na DP-4604. "Unha vez rematada a redacción do proxecto para a DP-4603 comezarase a redacción do que permitirá dar continuidade ás beirarrúas feitas nesta entradas, ampliándoas e mellorando o seu firme".


Preto de medio millón de investimento en Melide para o mes de xuño

Neste mes de xuño darán comezo en Melide tres proxectos financiados a través do Plan Único que suman 416.559 euros en total e que están relacionados coa mellora da seguridade viaria no municipio. Así, acometerase a obra de mellora dos accesos ao campo de fútbol municipal (40.559 euros de orzamento), a mellora da seguridade viaria en Orois, Maceda e outros núcleos rurais do municipio (230.000 euros) e, por último, a construción dunha senda e pasos de peóns elevados de Martagona a Furelos (126.242 euros). "Estas son algunhas das moitas actuacións que se levan financiado ao longo destes anos con cargo aos fondos da Deputación", destacou Bernardo Fernández". "Hai que lembrar que desde creamos o Plan Único no ano 2016 Melide recibiu máis de 5,5 millóns de euros fronte aos 1,8 millóns de euros que tería recibido co anterior sistema de reparto de fondos que tiña o Partido Popular cando estaba ao fronte da Deputación, con aquel POS que non superaba os 20 millóns de euros anuais fronte ao Plan Único que estamos a aprobar nos últimos anos e que rolda entre os 80 e os 100 millóns de euros anuais", incidiu.

Ademais, fixo fincapé en que agora os fondos son "repartidos con criterios obxectivos e transparentes entre todos os concellos da provincia. Iso permite acometer un número de obras moi superior ao que se viña realizando co goberno anterior, o que dá boa mostra do compromiso deste goberno co reparto de fondos de forma xusta". "Son fondos que saen do peto dos cidadáns e polo tanto non pode haber ningún criterio que desvíe que eses fondos se vaian repartir de xeito ponderado, con criterios obxectivos, e non como fan outras administracións como no caso da Xunta que se dedican a que recaian nos concellos gobernados polo Partido Popular, cunha visión partidista das administracións públicas", comentou, facendo referencia á situación específica de Melide, onde "o están a padecer, cun Partido Popular que, a nivel de investimentos, os ten bastante illados. Fago un chamamento ao goberno de Alfonso Rueda para que muden ese criterio que teñen para o reparto dos fondos públicos".


94 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE