top of page

A Deputación pon en marcha un proxecto de conservación de varios hábitats como a lagoa de Sobrado

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A finalidade desta iniciativa, que será executada maioritariamente por voluntarios, é a de mellorar as zonas nas que hai máis de 50 especies catalogadas como ameazadas


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

A Deputación da Coruña financia un proxecto da entidade Fragas do Mandeo para a restauración e conservación de hábitats de alto valor ambiental mediante custodia do territorio e apadriñamento de espazos naturais dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, entre estes a lagoa de Sobrado dos Monxes.


A área de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica que dirixe o deputado José Ramón Rioboo destina, a través de dúas liñas de subvención para investimentos e financiamento de actividades, un total de 14.888 euros para axudar a sufragar o 80% dos custos que supón a realización das diferentes actividades durante todo o ano 2021 nos concellos de Miño, Paderne, Bergondo, Betanzos, Coirós, Aranga, Oza-Cesuras e Sobrado dos Monxes.


A finalidade do proxecto, que será executado maioritariamente por voluntarios, é a de mellorar os hábitats nos que están presentes máis de 50 especies catalogadas como ameazadas. Concretamente nos ríos Mandeo, Mendo e Lambre; no rego das Bouzas; nas marismas de Betanzos, do Lambre e do Baxoi; nas praias da Alameda, Abeleira e Grande de Miño; nos montes da Espenuca e Os Vellos; na reserva de anfibios do Catorce (Coirós) e na do Ollo de Roda (Oza-Cesuras); na lagoa de Sobrado dos Monxes e no tramo do Camiño de Santiago ao carón dela.



Dentro das diferentes liñas de traballo contémplanse actuacións de restauración de novas parcelas, conservación de montes ou outras como o mantemento da reserva de anfibios do Catorce, da reserva do Ollo da Roda e do observatorio ornitolóxico da lagoa de Sobrado.

Tamén se inclúe a eliminación de especies invasoras e o control daquelas que xa as erradicou a entidade, que leva eliminado 32 especies de plantas exóticas nas súas zonas custodiadas e apadriñadas, pesando 4,6 toneladas a biomasa retirada durante o ano 2019 e 2,3 toneladas no 2020.


Por outra banda, realizaranse accións para combater a presenza de plásticos e outras formas de lixo en espazos naturais como as praias da Alameda, da Abeleira e Grande de Miño; as marismas do Baxoi, do Lambre e de Betanzos; os tramos baixos dos ríos Mandeo, Mendo, Lambre e rego das Bouzas; e, finalmente, a contorna da lagoa de Sobrado e o tramo do Camiño de Santiago.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page