top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Deputación pon en marcha un novo Consorcio Erasmus+ con 39 centros educativos de FP da provincia de Pontevedra

Entre eles figuran de Lalín, Silleda e Vila de Cruces


Laura Moure/Deza

A Deputación de Pontevedra acaba de constituír un novo consorcio de mobilidade con centros de FP da provincia coa finalidade de presentarlle unha solicitude conxunta de proxecto e financiamento ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) dentro da convocatoria de propostas 2024 do Programa Erasmus+. O consorcio, do que forman parte 39 centros educativos que imparten especialidades de grao básico, medio e certificados de profesionalidade dos niveis I, II e III, busca que o alumnado recentemente titulado, docentes e persoal non docente que traballe en educación e formación profesional realice mobilidades en países europeos.

En concreto, son 39 centros educativos de 22 concellos da provincia: A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín (2), Marín, Moaña, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra (6), Redondela (2), Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo (11), Vila de Cruces e Vilagarcía de Arousa.


O obxectivo xeral do Programa Erasmus+ é apoiar, mediante a aprendizaxe permanente, o desenvolvemento educativo, profesional e persoal no ámbito da educación e da formación, da mocidade e do deporte, tanto dentro coma fóra de Europa, co fin de contribuír ao crecemento sostible, ao emprego de calidade, á cohesión social, a impulsar a innovación, e a reforzar a identidade europea e a cidadanía activa.


Publicidade

A Deputación de Pontevedra leva desenvolvendo desde o ano 2015 proxectos de mobilidade para estudantes e persoal de educación e formación profesional que se presentan ás convocatorias anuais do mencionado programa. O proxecto terá unha duración inicial de 15 meses, se ben é posible prolongalo ata os 24 meses e as estadías das e dos estudantes, docentes e persoal se levarán a cabo en diferentes períodos que se concretarán durante o proxecto.


Publicidade

As persoas beneficiarias poderán realizar a mobilidade nun dos países do programa Erasmus+, é dicir, países pertencentes á Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía e Suecia), así como en terceiros países asociados ao programa (República de Macedonia do Norte, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía e Serbia).


0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page