top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Deputación mellorará a mobilidade na contorna do mosteiro de San Pedro de Vilanova, en Dozón

Abrangue un tramo duns 200 metros da estrada provincial EP-6107 Diz-Bidueiros-Amedo na que se mellorará o pavimento e se realizarán obras de canalización de pluviais


Laura Moure/Dozón

A Deputación de Pontevedra realizará unha actuación de mellora da mobilidade na contorna do mosteiro románico de San Pedro de Vilanova, en Dozón. Así o confirmou a deputada provincial de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, ao alcalde de Dozón, Adolfo Campos, nunha visita ao tramo de 200 metros da estrada provincial EP-6107 Diz-Bidueiros-Amedo no que se mellorará o pavimento para adecualo á contorna do mosteiro e se realizarán obras de canalización de pluviais.

Na visita a Dozón a deputada provincial comprobou in situ o proxecto no que o servizo de Infraestruturas está a traballar para dar resposta á demanda realizada polo alcalde da vila ao Goberno provincial.  Deste xeito, Couselo e Campos percorreron o ámbito da actuación e analizaron o alcance das obras que se van realizar na contorna do mosteiro románico de San Pedro de Vilanova.


Publicidade

En concreto, o proxecto contempla a mellora do pavimento desa contorna que permitirá, por unha banda, embelecer o espazo público e mellorar tanto a mobilidade peonil como a seguridade viaria. Deste xeito, está previsto executar un pavimento de formigón lavado delimitado nas marxes por laxas rectangulares de pedra de granito, que se integrarán co camiño de titularidade municipal que sae perpendicular á estrada provincial fronte ao mosteiro, recentemente reformada polo Concello de Dozón.


Ademais, tamén se realizarán obras de drenaxe e disporase dunha cuneta remontable de seguridade que garantirá a condución das augas pluviais e aumentará o espazo peonil na contorna da actuación.

 


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page