Perruquería Marisa.gif

A Deputación mellora o acceso peonil da entrada á área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces

A actuación levouse a cabo nun treito de cen metros da EP-6410 entre Bodaño e Merza para dar resposta ás demandas da veciñanza e de persoas usuarias deste espazo natural


Laura Moure/Vila de Cruces

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-6410 entre Bodaño e Merza, ao seu paso pola área recreativa da Carixa en Vila de Cruces. Esta actuación, na que se investiron preto de cen mil euros, centrouse nun tramo de cen metros desta estrada provincial, coa finalidade de dar resposta ás demandas de seguridade viaria da veciñanza e persoas usuarias da área recreativa, un espazo natural, recreativo e de lecer no que se dan cita numerosas persoas no verán. O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde cruceño Luis Taboada, visitaron hoxe a zona que foi obxecto de actuación.

Os traballos realizados permitiron solucionar os problemas de seguridade viaria que ata o momento padecían as persoas usuarias da área recreativa da Carixa, que accedían a través dun espazo estreito, non habilitado para peóns e peoas e con numerosas barreiras arquitectónicas. Agora, coa reforma do citado tramo, gañouse o ancho necesario nunha das beiras da ponte sobre o río Orza e construíse unha senda peonil, continua e segura, acabada en formigón coloreado que remata na propia praia fluvial.

A estrada EP-6410 Bodaño-Merza comunica os núcleos de A Moa, Reboreda, O Outeiro e a citada área recreativa da Carixa, onde hai unha zona de autocaravanas, parque infantil e unha praia fluvial moi popular. A estrada ten unha intensidade media diaria de 500 vehículos diarios, que se intensifica nesta zona ao chegar o verán, e unha lonxitude total de 6,8 quilómetros.

112 visualizaciones0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif