Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Deputación mellora a entrada á área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, anuncia a adxudicación da obra, valorada en preto de 100.000 euros, para mellorar a seguridade peonil na ponte sobre o río Orza


Laura Moure/Vila de Cruces

O estreitamento na entrada a área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces, ten os días contados. A Deputación impulsa unha actuación de seguridade viaria, valorada en 97.710 euros, para corrixilo problema creado no ano 2010 cando se construíron unhas beirarrúas que "morren" no punto no que a estrada provincial EP-6410 Bodaño-Merza pasa sobre o río Orza na confluencia co Deza. A zona foi visitada hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada.


Gregorio Agís anunciou que a adxudicación provisional xa está acordada e, en poucos días, a Xunta de Goberno Provincial aprobará a adxudicación definitiva. O proxecto contempla a reforma dun tramo de 100 metros de lonxitude para gañar o ancho necesario nunha das beiras da ponte, fresado do bordo da estrada e construción dunha senda peonil do máximo ancho que sexa posible e acabada en formigón coloreado, tendo en conta as características do terreo. A perigosa curva da ponte pasará así a contar cun acceso peonil que rematará na propia praia fluvial.


Gregorio Agís explicou que o Decálogo que rexe tódalas obras que a nova Deputación executa na rede viaria provincial prioriza a mobilidade peonil, a das persoas con discapacidade funcional e a das que circulan en bicicleta "e neste lugar atopábamos cun colo de botella a resultas dunhas obras executadas noutros tempos, con outros criterios, e que era preciso solucionar". O deputado explicou que, a día de hoxe, a Deputación xa non constrúe beirarrúas, senón sendas, pero, con todo, o principal problema era que as beirarrúas feitas no seu día rematan abruptamente e a estrada estréitase ao paso polo regato. O punto está dotado cunhas biondas pegadas á calzada e tampouco existe beiravía, así que as/os camiñantes vense obrigados a poñer en risco a súa seguridade para chegar á Carixa. "Todo iso vai quedar corrixido e proporcionaremos un itinerario continuo e seguro, tal e como nos pediu o Concello", concluíu o deputado.


O alcalde, Luís Taboada, subliñou a importancia da obra para mellorar a seguridade nun espazo natural e recreativo que ten "moitísima xente no verán" e que dispón dun acceso reducido e con barreiras arquitectónicas para os peóns e peoas. "A Deputación está a despregar unha gran colaboración con Cruces e eu, como alcalde, síntome agradecido". "Vivimos nun paraíso, que é Galicia, e dentro dela hai paraísos como A Carixa e temos que coidalos".

Taboada e Agís, hoxe na Carixa.


A estrada EP-6410 Bodaño-Merza comunica tamén os núcleos de A Moa, Reboreda, O Outeiro e a área recreativa da Carixa, onde hai unha zona de autocaravanas, parque infantil e unha praia fluvial moi popular. A estrada ten unha intensidade media diaria de 500 vehículos diarios, que se intensifica nesta zona ao chegar o verán, e unha lonxitude total de 6,8 Km.


O Concello de Vila de Cruces leva recibido case 6,2 millóns de euros en investimentos da Deputación dende que no ano 2015 cambiou o Goberno provincial. Este ano correspóndenlle 662.979 euros no marco do Plan Concellos, que ten previsto dedicar moi maioritariamente á repavimentación de camiños municipais en Eirexe, Arnego, Fornelos, Amosa, Ollares e Cumeiro. O servizo provincial de Infraestruturas leva investidos xa máis de 800.000 euros en melloras nas estradas provinciais ao paso por este Concello.

27 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE