A Deputación licita un novo proxecto para acondicionar varios tramos da LU-P-4004, en Palas
- ecosdacomarca

- 18 abr
- 3 min de lectura
O PSdeG palense celebra esta licitación e reivindica o labor do grupo municipal
Ecos da Comarca/Palas de Rei
A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar 373.028,38€ para arranxar dúas vías provinciais ao seu paso polos concellos de Palas de Rei e Pastoriza. Así o avanzou a Voceira Socialista, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno.
Nese sentido, a institución provincial vén de licitar un novo proxecto para acondicionar varios tramos da vía LU-P-4004, en Palas de Rei cun investimento de máis de 324.623,18€. Esta estrada, que atravesa os núcleos de Devesa de Rei, Ribeira e Xende, “é especialmente relevante para este municipio porque conecta explotacións gandeiras; unha casa de turismo rural e varias igrexas”, valorou García Porto.
As obras, que consistirán na reapertura de cunetas; pavimentación e sinalización, afectarán a tres tramos ao principio e ao final da vía -do punto quilométrico 1,3 ao 3,1; do 3,7 ó 5,5; e do 9,8 ó 10,2-. O prazo de execución para estes traballos será de 4 meses.
Pilar García Porto explicou tamén que na reunión deste venres a Deputación adxudicou por 48.405,20€ os traballos para mellorar un treito da LU-P-3006, a vía que une Meira con Pastoriza por Fonmiñá. Con este proxecto, do que se encargará a empresa CHOLO SL, arranxarase un tramo de algo máis de 800 metros case ao principio da vía -do punto quilométrico 1,120 ao 1,935-.

“Esta é unha estrada moi importante para os veciños e veciñas de ambos municipios, porque vai desde o núcleo meirense da Pena ata a LU-122. Ademais dá servizo a explotacións gandeiras, conecta directamente co polígono industrial de Meira, no que se atopan establecementos hostaleiros e diferentes negocios, e dá acceso ao centro de saúde do municipio”, recalcou.
As obras que se van acometer son: a reapertura de cunetas, a pavimentación do firme con aglomerado en quente e o repintado da vía mediante marcas reflexivas brancas. Unha vez se inicien os traballos o prazo de execución será de mes e medio.
PUBLICIDADE
Pola súa banda,o PSdeG de Palas de Rei celebrou onte a aprobación, por parte da Deputación de Lugo, da licitación das obras de rehabilitación da estrada provincial LU-P-4004 e reivindicou que esta actuación é froito das xestións realizadas polo Grupo Municipal Socialista para dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza.
A voceira no concello, Ana Corredoira, destacou a importancia desta intervención nunha vía moi utilizada no municipio e lembrou que o seu arranxo foi obxecto dunha mobilización veciñal, cunha recollida de sinaturas para reclamar a súa mellora. “Celebramos que nos vindeiros meses por fin se atenda esta necesidade da nosa veciñanza, que se mobilizou para pedir unha actuación urxente”, sinalou.
Corredoira explicou que o PSdeG asumiu esta reivindicación como unha prioridade e a trasladou á Deputación de Lugo no marco do traballo coa Presidencia e coa área de Vías e Obras. A voceira agradeceu a escoita e a receptividade da institución provincial, e puxo en valor o seu compromiso coa mellora das infraestruturas no rural e coa atención ás necesidades da veciñanza.
Porén, Corredoira lamentou que o goberno local do PP tentou apropiarse dunha xestión que “nin promoveu nin trasladou á Deputación”. “Nos últimos días vimos como o PP trataba de atribuírse o mérito a través das súas redes sociais e da prensa, cando a realidade é que non solicitou ningunha reunión coa Presidencia da Deputación nin lle trasladou esta demanda”, salientou.
PUBLICIDADE
Nesta liña, criticou que o Partido Popular “antepoña a confrontación política ao interese da veciñanza” e acusouno de practicar “política de foto e de demagoxia” en lugar de traballar con rigor para resolver os problemas reais do concello. “Mentres unhas facemos o traballo de formiga, discreto pero eficaz, para trasladar as necesidades da xente ás administracións competentes, o PP limítase a aparecer cando hai anuncio e cando pode sacar rendemento político”, reprochou.
Dende o PSdeG de Palas de Rei insisten en que esta actuación demostra que tamén dende a oposición “se pode facer política útil cando hai compromiso coa cidadanía e vontade de defender as súas demandas onde corresponde”. “Nós imos seguir nesta liña: facendo unha oposición constante, responsable e necesaria, centrada en conseguir solucións e non en facer ruído”, concluíu Ana Corredoira.








Comentarios