top of page

A Deputación investirá 893.873 euros nunha nova ponte na DP 8001 sobre o río Mandeo en Sobrado

Están punto de iniciarse as obras de pavimentación dos primeiros 3 quilómetros do vial e reparanse os danos causados polas choivas no firme ata o quilómetro 7


Laura Moure/Sobrado dos Monxes

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres as obras de construción da nova ponte da estrada DP 8001 sobre o río Mandeo, no termo municipal de Sobrado dos Monxes, que suporán un investimento de 893.873 euros e completarán as obras de ancheamento e mellora da seguridade xa executadas pola Deputación no resto do vial, que pasou dunha anchura de entre 4 e 5 metros aos 8 metros de plataforma, mellorando notablemente a súa seguridade.

Foto de arquivo.

O investimento aprobado executarase no punto quilométrico 3+100, unha ponte de 12 metros de longo e unha anchura de apenas 5 metros, o que impide o uso do vial nos dous sentidos de circulación simultaneamente.


A ponte actual será demolida para ser substituída por unha nova de vigas prefabricadas sobre formigón armado. Esta mellora permitirá dotar á ponte dunha plataforma de máis de 9 metros, con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, bermas de 0,50 metros e unha beirarrúa de 1,80 metros de ancho para facilitar a circulación peonil sobre a ponte en condicións de seguridade.

As obras completarán as xa realizadas pola Deputación da Coruña para ampliar toda esta estrada, que conecta varios núcleos de poboación de Sobrado e dá acceso a numerosas explotacións gandeiras. Ademais, están punto de iniciarse as obras de pavimentación dos primeiros 3 quilómetros do vial e repararanse os danos causados polas choivas no firme ata o quilómetro 7.


Segundos os datos do servizo de Vías e Obras, a ponte rexistra un tráfico diario de 388 vehículos ao día, o 12% deles vehículos pesados. As obras inclúen a renovación da sinalización e os sistemas de contención da estrada e a restauración paisaxística da zona, incluíndo a demolición dos tramos de estrada que quedan fóra do novo trazado e a revexetación destes con especies arbóreas autóctonas.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page