A Deputación financiará unha actuación de mellora de camiños municipais en Agolada
- ecosdacomarca
- 11 abr
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Agolada
O deputado provincial Javier Tourís visitou este xoves a pista de Buxán, en Agolada, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar integramente unha actuación de mellora de camiños municipais, cun orzamento de 277.000 euros. Tourís avanzou que para esta actuación a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na súa Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia que permitirá financiar integramente a actuación.

Tourís deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que se localizan tanto na pista de Buxán como noutras outras seis localizadas nos núcleos de Berredo, Cabanelas, Carmoega, San Paio, San Miguel e Trabancas. As obras permitirán mellorar estas infraestruturas viarias da contorna rural da vila, mellorando o estado deficiente no que se atopan na actualidade por mor do paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e tamén pola circulación de vehículos agrarios. En xeral, os traballos contemplan a preparación e limpeza de cunetas, fresado e a execución do novo firme e da nova sinalización horizontal. Tamén haberá ampliación de carrís en Berredo, Buxán e Carmoega, actuacións no saneamento en Carmoega, a substitución da varanda metálica no camiño de San Paio e a execución dun pozo de rexistro e tubaxe para o abastecemento de auga na pista de Trabancas.
Publicidade
"Somos un goberno municipalista", lembrou o deputado provincial, "que escoita as demandas dos gobernos locais e atende as necesidades dos concellos" con iniciativas como o Plan +Provincia, "o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, dotado este ano de 48,2 millóns de euros". Javier Tourís asegurou que "o noso obxectivo principal é que a provincia de Pontevedra vaia a máis, avanzando como nunca antes", con plans provinciais cos que "estamos a conseguir que os concellos poidan afrontan investimentos e actuacións que doutro xeito serían imposibles de realizar".
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno destinar 1,9 millóns de euros para que Agolada, Baiona, Bueu, A Estrada, A Guarda, A Lama, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Silleda e Vila de Cruces impulsen novos investimentos e afronten gasto corrente ao abeiro das dúas primeiras liña do Plan +Provincia 2025.
Desta maneira, a través da liña 1, Agolada recibe 372.291 euros para dous proxectos: 95.204 € para completar o financiamento da recuperación e humanización da avenida deç Iryda, que conta con 500.000 € do Plan Extra, e 277.087 € para a mellora de camiños de titularidade municipal con firme de asfalto en Berredo e Buxán. Ademais, A Lama recibe 88.235 € para a mellora da accesibilidade e a seguridade peonil no entorno da igrexa de San Salvador, completando os 500.000 € do Plan Extra; Silleda recibirá 149.425 € para completar os 597.698 € do Plan Extra para a mellora da mobilidade na avenida do Parque; e Vila de Cruces sumará aos 700.000 € deste mesmo plan para a humanización do núcleo urbano nas rúas Neira Vilas, Sergio Iglesias Pazos e a Travesía Vázquez, 212.780 € do +Provincia.
Comments