A Deputación facilita co plan Reacpoc a ambiciosa actuación no cemiterio da Romea en Lalín
Cun orzamento de 1,8 millóns de euros integrarase na creación do gran parque Fraga do Alén, un espazo público para a veciñanza eficiente, dinámico, sostible e ecolóxico
Laura Moure/Lalín
O alcalde de Lalín, José Crespo, foi directo. “Este é un exemplo palpable de que a Deputación de Pontevedra é o concello de concellos, xa que nos permite facer actuacións que doutra maneira serían moi difíciles ou mesmo imposibles. Vimos que o ReacPon era a oportunidade e fixemos da oportunidade virtude para o que será o proxecto estrela do mandato”. Así se pronunciou hoxe o mandatario lalinense na sinatura oficial coa presidenta provincial, Carmela Silva, do convenio do Plan ReacPon que transformará o cemiterio da Romea cunha ambiciosa actuación que o integrará nun gran parque natural para o uso e desfrute da cidadanía. O proxecto, cun orzamento de máis de 1,8 millóns de euros dos que a Deputación achega 1.354.769 euros e o Concello 451.589, ampliará o cemiterio integrándoo coa paisaxe e co engadido dunha parcela limítrofe transformarao nun espazo público de ata 32.000 metros cadrados que levará o nome de “Fraga do Alén”. O gran parque contará tamén cun lago escenario co nome de Xela Arias.

A presidenta Carmela Silva valorou moi positivamente este proxecto “ambicioso e que non se limita só a ser unha ampliación dun cemiterio”, senón que se integrará na paisaxe “e resultará un espazo eficiente, dinámico, sostible, ecolóxico e atractivo, converterase nun gran parque natural para a cidadanía cun nome fermoso. Será un espazo único”. A presidenta lembrou que os cemiterios son “un servizo fundamental, xa que a morte forma parte do noso tránsito no mundo e precisamos espazos dignos para prestalo. Estamos desexando que a veciñanza goce canto antes deste novo espazo porque será dunha inmensa calidade”.
Carmela Silva puxo no foco na “grata sorpresa que supuxo para a Deputación a calidade e o número de proxectos que presentaron os concellos ao ReacPon, tendo en conta que as bases do plan eran moi esixentes, pero aínda así os concellos presentaron proxectos moi maduros e que acadaron as puntuacións requiridas”. O plan ReacPon, posto en marcha pola institución provincial para paliar os efectos da crise sociosanitaria e reactivar a economía, “é un instrumento para responder as demandas da Axenda 2030 e o Plan de Resiliencia”, e deseñouse “pola consciencia que temos de que os concellos, particularmente os de menos de 20.000 habitantes, precisan recursos extraordinarios para desenvolver grandes proxectos”.
A presidenta lembrou que “os concellos teñen co Plan Concellos recursos para gastos ordinarios, pero hai moitos proxectos que son soños e sen recursos extraordinarios non se poden desenvolver”, froito do cal nace ReacPon. O resultado foi que os concellos “presentaron proxectos moi dignos e diversos, o que amosa que o mundo local é o mellor da política, porque temos claras as demandas reais da veciñanza e a que temos que dedicar os nosos recursos”.
O alcalde de Lalín, José Crespo, sinalou que “con este proxecto tan ambicioso fixemos un esforzo moi importante, pero valeu a pena”, xa que acadar o financiamento da Deputación permitirá “resolver unha demanda que temos desde hai anos, xa que medrou o espazo urbano de Lalín en detrimento das aldeas e iso supuxo un aumento da demanda de nichos neste cemiterio”. A actuación, “que xa nos dixeron que deberíamos presentar ao Certame Nacional de Arquitectura, en realidade é un xardín no que, ademais, se enterran as persoas”. O espazo contará con elementos como un lago artificial ou un auditorio para “poder organizar actividades de lecer, aproveitando que está situado ao final dunha estrada provincial urbanizada pola que pasea moitísima xente a diario”, sinalou Crespo. O alcalde avanzou que o equipamento será sostible, “empregando enerxía fotovoltaica e incorporando innovacións respecto aos cemiterios tradicionais como por exemplo o fomento das biournas”.
O proxecto
O actual cemiterio ampliarase cara ao bosque respectando a planta orixinal aínda que con diferente deseño. Haberá dúas entradas, a existente que dá acceso á capela para a celebración de actos funerarios, e unha nova entrada, máis “romántica”, que permite explorar o cemiterio a través dunha rede de camiños, conectando desta forma unha serie de zonas de estar e equipamentos distribuídos por todo o espazo. Así, vanse realizar camiños “sinuosos”, entre árbores, e configurarase tamén un lago-escenario elevado sobre o terreo natural para render homenaxe ás mulleres artistas e que levará o nome de Xela Arias.
Na zona sur contigua ao aparcadoiro xerarase un parque exterior aberto, con bancos e aparcabicis e unha zona de xogos infantís. Tamén se remodelará a capela, cubrindo a fachada cunha estrutura de lamas de aceiro, construirase unha marquesiña e instalarase unha escultura en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia machista. O proxecto vai impulsar a mobilidade amable entre os principais espazos públicos do concello, conectando as vías peonís que xa existen coa contorna rural do cemiterio, e así unir o rural co núcleo urbano a través dunha mobilidade alternativa. A sostibilidade tamén formará parte dos pavimentos elixidos, que respectarán o ciclo da auga evitando a degradación do terreo. Ademais plantarase vexetación autóctona.