top of page

A Deputación estrea o laboratorio móbil de Mouriscade para a implantación de embrións nas ganderías

O vehículo xa está operativo trala contratación do carrozado e será empregado polo persoal técnico para trasladar e implantar os embrións mercados na plataforma web da finca lalinense


Laura Moure/Lalín

A Deputación de Pontevedra xa está en disposición de estrear o laboratorio móbil da Finca Mouriscade, un servizo moi demandado polo sector gandeiro e que permitirá mellorar a implantación embrionaria nas explotacións da provincia. A presidenta Carmela Silva supervisou hoxe a furgoneta onde se prestará este servizo, que xa foi subministrada nos pasados meses e viña sendo empregada para a realización de desprazamentos veterinarios. Agora, trala recepción do vehículo adaptado os pasados días, a Deputación de Pontevedra xa conta cunha dotación totalmente equipada e preparada para operar como laboratorio trala contratación do seu carrozado.

A principal finalidade do laboratorio móbil da Finca Mouriscade será permitir que os embrións de alta calidade deste centro –que cara a finais de 2022 xa se situou entre as 12 mellores ganderías de todo o Estado español na clasificación de avaliación xenética elaborada pola Confederación de Asociacións de Frisoa Española (Conafe)– poidan chegar a todas as ganderías da provincia cos maiores estándares de calidade. Deste xeito, cando as ganderías da provincia realicen unha compra de embrións desde a recentemente estreada plataforma web de venda de Mouriscade, e sempre que así o soliciten no momento, o persoal técnico da Deputación de Pontevedra trasladarase ás súas explotacións para implantalos, empregando para esta finalidade o laboratorio móbil.

Entre a subministración do vehículo e mais o acondicionamento para a súa transformación en laboratorio móbil, a institución provincial investiu nesta actuación un total de 55.500 euros.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page