top of page

A Deputación dota a Cruces dunha senda peonil na estrada de Toiriz para mellorar a súa seguridade

A nova infraestrutura, de 300 metros de lonxitude, ofrece un itinerario continuo dende o centro da vila ao instituto, ao centro de saúde, ao tanatorio e ao campo de fútbol


Laura Moure/Vila de Cruces

A veciñanza de Vila de Cruces dispón dende hai unha semana dunha senda peonil que dá seguridade nos tránsitos a pé pola estrada provincial EP-6306 na entrada á vila. As obras, cun orzamento de 167.585 euros brindan un itinerario seguro cara o Instituto de Ensino Secundario Marcos do Camballón, o Centro de Saúde, o tanatorio, o cemiterio e o campo de fútbol. O deputado provincial Carlos Font visitou a actuación xunto co alcalde, Luís Taboada, e enxalzou a calidade desta actuación. Tamén estiveron presentes os concelleiros Mireya Otero e Julio López.

Os traballos foron financiados a través dun convenio polo que a Deputación achegou o 80% (145.626 euros) e o Concello o restante 20% (36.407 euros). Con estas obras puidéronse eliminar as bandas sonoras e elementos temporais de separación coas que agora se protexían as beiras da calzada. A nova senda sitúanse entre os PQ 16+450 e o PQ 16+750, é dicir, o tramo final da estrada de Toiriz, a vía provincial, de 17 quilómetros, de lonxitude que enlaza os concellos de Cruces e Agolada.


O alcalde asegurou estar “moi satisfeito” co resultado e afirmou que Cruces “gañou un paseo” a partir da reivindicación dun acceso seguro a pé ata eses equipamentos municipais. “Era unha obra moi necesaria porque a xente tiña que camiñar sobre a calzada e estamos agradecidos de que a Deputación, que sempre está, tamén atendera esta reivindicación nosa”.

A nova senda peonil ten un ancho mínimo de 2,50 metros que se vai incrementando en función do espazo dispoñible. Está situada no marxe dereito da estrada (sentido de saída de Cruces), coincidindo co IES. Constitúe, por tanto, un camiño escolar seguro, pero dá tamén acceso ao Centro de Saúde, o tanatorio, o cemiterio e o campo de fútbol. A senda estará executada en formigón coloreado de 15 cm de grosor, reforzado ata 20 cm na zona apegada ao aparcamento do instituto para evitar afundimentos ao paso dos vehículos. Para facela posible foi necesario ampliar a plataforma da estrada provincial en medio metro. Deste xeito alcanzouse o estándar de 2,5 metros na senda peonil, en cumprimento da normativa da Deputación. Ademais, a rede de telefonía aérea foi ser soterrada e tamén quedou executada unha nova rede de sumidoiros para a recollida das augas pluviais con colectores de 315 mm.


Pasos de peóns elevados

A calzada foi fresada e demoléronse bordos e obstáculos. O tramo foi dotado con dous pasos de peóns elevados garantindo así a permeabilidade peonil e tamén con tres badéns (redutores físicos de velocidade). Colocouse nova sinalización vertical con limitación da velocidade de circulación a 30 Km/h. En canto á sinalización horizontal, marcouse o espazo peonil, que tamén quedou delimitado cunha pequena canle lonxitudinal para reforzar a recollida das augas.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page