Laura Moure/Lalín
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este xoves en conferencia de prensa a aprobación dun convenio co Concello de Lalín a través do cal se destinarán máis de 600.000 euros para mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial EP-6007 Goleta-Cercio-Estrada Rodo-Brántega. Deste orzamento, a Deputación financiará o 70%, é dicir, 430.000 euros, e o Concello o 30% restante, 180.000, ademais de facerse cargo das expropiacións necesarias, que ascenden a 30.000 euros.
“Seguimos con iniciativas para transformar esta provincia; para mellorar a seguridade das estradas provinciais, alongando ademais a súa vida útil. E facémolo, ademais, ao carón dos concellos, que tan ben coñecen as necesidades dos seus veciños”, asegurou López.
Publicidade
As obras desenvolveranse nun tramo de 250 metros da estrada provincial ao seu paso polo núcleo de Cercio, onde se mellorará a mobilidade peonil e se habilitarán novos espazos de aparcamento. Para iso acondicionaranse dúas zonas preto da igrexa, creando unha praza para a xuntanza dos veciños e outro espazo para estacionamento.
Publicidade
Ademais, executarase unha senda peonil nun primeiro tramo; nun segundo, habilitarase unha plataforma única como zona de convivencia, con preferencia peonil, e no tramo final mellorarase o trazado existente. Por outra banda, na contorna da igrexa parroquial de Santiago instalarase un novo pavimento, mobiliario e plantaranse árbores. E, entre outras actuacións, tamén se executará a rede de pluviais e faranse melloras no alumeado da zona.
Comments