A actuación inclúe a dotación dunha nova capa de mestura asfáltica en quente así como a sinalización e balizamento da estrada
Laura Moure/Melide/Santiso
A Deputación da Coruña realizará un investimento de 426.457 euros para a mellora do pavimento da DP-4603, estrada que conecta Melide co núcleo de Ribadulla, no concello de Santiso, entre os puntos quilométricos 1+070 ao 5+821.
Os traballos, aprobados por unanimidade no pleno do pasado venres, publícanse este venres no BOP dentro da terceira fase do Plan de Conservación de Vías Provinciais que suporán investimentos por máis de 2 millóns de euros.
O proxecto contempla a recuperación do firme dunha vía que na actualidade presenta un importante deterioro como consecuencia do paso do tempo, dos efectos climáticos e do volume de vehículos que rexistra en diferentes tramos. As obras inclúen o saneamento da capa superficial do pavimento coa dotación dun novo estrato de mestura asfáltica en quente que permitirá asegurar as condicións de seguridade para o tráfico rodado. Unha vez concluída esta fase da actuación executaranse tarefas de sinalización e balizamento da vía.
O tráfico permanecerá limitado a un só carril durante a execución das obras para poder manter en servizo a conexión en todo momento. Unha vez iniciada a intervención, o prazo para a conclusión dos traballos será de dous meses.
Comments