Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da institución provincial
Laura Moure/Deza
Os concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Deza e Terra de Montes recibirán ata 535.000 euros para facer fronte a políticas sociais. Os recursos enmárcanse no Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e nas Axudas básicas de emerxencia para 2024, que acaba de aprobar a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra e que contan cun orzamento global de 3,7 millóns de euros.
Publicidade
En concreto, no relativo á primeira convocatoria, centrada nos servizos sociais comunitarios, a Deputación pon á disposición dos concellos das comarcas de Deza e Terra de Montes 453.000 euros. Destes recursos, 215.000 euros estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, e 238.700 euros a cubrir os custos do persoal dos servizos comunitarios. En concreto, Agolada poderá recibir ata 61.729 euros; Cerdedo-Cotobade, 70.630 euros; Dozón, 52.963 euros; Forcarei, 68.814 euros; Rodeiro, 40.256 euros; Silleda, 83.069 euros; e Vila de Cruces, 75.559 euros.
Publicidade
No que respecta á segunda liña de subvencións aprobada, as Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o Goberno provincial pon á disposición dos concellos da contorna de Deza e Terra de Montes 82.100 euros, para que poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Neste caso, Agolada poderá obter ata 12.300 euros, Cerdedo-Cotobade, 12.800 euros; Dozón, 10.800 euros; Forcarei, 10.800 euros; Rodeiro, 10.800 euros; Silleda, 11.800 euros; e Vila de Cruces, 12.800 euros.
Publicidade
As ABE destinaranse a alimentación, vivenda, subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, e pagamento de desprazamentos, de reparación e mantemento de vehículos, de lentes, lentes de contacto e audífonos, de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía e mais de produtos de apoio, atención de carácter complementario e axudas para adquisición de roupa e calzado, de estudo e de apoio á infancia.
Comments