top of page
Perruquería Marisa.gif

A Deputación destina á comarca de Deza 3,4 millóns de euros a través do Plan ReacPon

Ecos da Comarca/Deza

Unha resposta contundente para achegar recursos aos concellos e á xente para impulsar a economía da provincia, xerar actividade e crear ou manter o emprego despois da pandemia. Con este obxectivo, o REACPON, o plan de investimento público más ambicioso da historia da Deputación, mobilizará 39,1 millóns de euros para acometer grandes actuacións nos concellos da provincia e transformar o territorio. O programa contará cun investimento provincial de 26,33 millóns de euros e chegará a todas as comarcas con proxectos en 47 concellos de menos de 50.000 habitantes, "o 85,45% dos municipios que se presentaron". Á comarca de Deza destinou

Carmela Silva.

A presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente César Mosquera, detallaron este venres as actuacións que tamén se presentarán aos fondos europeos, e coincidiron en subliñar o "enorme esforzo" e a aposta do goberno por converter neste momento á Deputación nun instrumento para a transformación da provincia con políticas anticíclicas, de expansión do gasto e aliñadas coa axenda 2030 e cos Next Generation.


Dos 47 proxectos, 25 serán actuacións de mobilidade amable e segura cun investimento total de 19,17 millóns de euros, e 22 obras en equipamentos municipais (19,93 millóns). Neste segundo caso cinco serán de rehabilitacións de casas consistoriais (3,95 millóns), cinco de reforma de espazos culturais (4,51 millóns de euros), oito de obras en infraestruturas deportivas (6,5 millóns), tres actuacións en bibliotecas (3,17 millóns), e unha de obras en cemiterios (1,8 millóns de euros).


Todos os proxectos cumpriron coas bases desta convocatoria alcanzando a puntuación mínima e presentando proxectos maduros e de calidade que contribúan a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos. De feito, o goberno provincial incrementou ata os 26,3 millóns o orzamento previsto no Plan para non deixar fóra a ningunha das actuacións que chegaron aos 50 puntos ante a calidade e ambición dos mesmos. Como sempre, a convocatoria fíxose con criterios obxectivos.


A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de "exitazo" a convocatoria do ReacPon Concellos que "vai permitir transformar por completo esta provincia". Tal foi o volume de proxectos presentados, "de grande nivel, e moi potentes", que decidimos aumentar a asignación orzamentaria pasando dos 20 millóns de euros iniciais aos 26,33 millóns de euros finais. "Non queríamos que ninguén quedase fóra", manifestou a presidenta da Deputación quen tamén subliñou que "este é o momento de apostar, de ser valentes, de facer un forte investimento público". Así, tal e como explicou Carmela Silva, "se sumamos os 26,33 millóns de euros que achega a Deputación e os recursos que poñen os concellos o total ascende a 39,10 millóns de euros, un investimento moi próximo ao Plan Concellos que era ata o de agora o investimento máis potente que unha administración fai na provincia".


Para a presidenta "nunca aconteceu algo igual. Que alguén me conte onde, noutra deputación, se está a facer un esforzo inversor que vaia chegar nin máis nin menos que ao 85,45% dos proxectos que se presentaron". Ao respecto, Carmela Silva detallou que de 59 concellos de menos de 50.000 habitantes que ten a provincia e podían optar ao ReacPon presentáronse 55 dos que cinco non acadaron a puntuación mínima esixida (50 puntos) e tres incumprían as bases.


Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera subliñou o esforzo inversor "sen parangón" da Deputación para poñer en marcha o REACPON e axudar aos concellos a executar obras e solventar as dificultades económicas xurdidas trala crise da Covid. Destacou que o investimento será máis elevado do previsto inicialmente e xustificouno pola grande resposta dos concellos á convocatoria, xa que presentaron moitos proxectos, de calidade e cumprindo as bases. "Foi unha grata sorpresa. Hai proxectos francamente interesantes que cando se executen serán exemplos de boas prácticas". De cara a futuro, indicou que existe a esperanza de que parte do REACPON se financie con fondos europeos, obxectivo que de acadarse permitiría unha maior inxección aos gobernos locais porque os cartos que chegasen de Europa sumaríanse aos provinciais. "Notaríase de maneira moi forte. E iso reforzaría a situación de que a maior parte das obras dos concellos son financiadas pola Deputación", indicou, subliñando que se hai moitos "carteis de obras" da Deputación na provincia é porque responden á realidade.


Como contrapunto ao esforzo económico que fai a Deputación tanto co REACPON como as transferencias do Plan Concellos e outros investimentos destinados aos municipios da provincia, Mosquera lembrou que o orzamento provincial supón o 1,51% do da Xunta, polo que para que o goberno de Feijóo fixese un esforzo equivalente ao provincial tería que poñer en marcha un ‘Plan Concellos' autonómico de 600 millóns de euros só para os concellos pontevedreses. "Daríalles a risa ‘floxa' de ter que facelo", comentou. Finalmente, o vicepresidente puxo en valor que máis da metade dos proxectos que se presentaron ao REACPON e case a metade dos cartos estarán destinados a obras de recuperación de espazo público e á creación de centros de convivencia para as persoas.


Na comarca de Deza

Dozón investirá 405.381,92 euros para a rehabilitación da Casa Consistorial do concello que recibirá da institución provincial 333.339,11 euros; Rodeiro destinará 449.671,32 euros para a humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán dos cales 404.704,18 serán achegados pola Deputación; Lalín con 1.806.359,09 euros ampliará o cemiterio da Romea "Fraga do Alén, Donramiro, e recibirá 1.354.769,32 da institución provincial; Vila de Cruces investirá 892.360,54 euros para a mellora da rúa Vázquez desde o entronque coa rúa Sergio Iglesias Pazos ata o entronque coa travesía Vázquez 2 dos cales 596.681,13 serán financiados pola Deputación e Silleda destinará 1.802.893,51 euros para o proxecto básico e de execución para a nova Casa Consistorial de Silleda, fase I, "Naturalmente noso" que recibirá da institución provincial 713.249,55 euros.

55 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page