A finalidade de “Da túa man rural” é visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, “fomentando o comercio de proximidade e traballando para poder adaptalo ás novas demandas e hábitos de consumo”
Laura Moure/Deza
Apoiar a actividade comercial e á hostalería local en zonas rurais da provincia de Pontevedra é o obxectivo do programa “Da túa man rural”, que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou hoxe aos 11 concellos no que se vai desenvolver o proxecto: Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Pontecesures. E o fará grazas a unha achega de preto de medio millóns de euros (499.972 euros) dos fondos NextGenerationEU a través do Plan de Recuperación, que cubre o 80% do orzamento total de 624.965 euros, mentres que o 20% restante (124.933 euros) corre a cargo da Deputación.
Como explicou a presidenta provincial Carmela Silva “desta maneira os concellos participantes non teñen que facer ningunha aportación económica, tan só teñen que traballar conxuntamente con nós para poder desenvolver as accións contempladas”. A presidenta subliñou a importancia deste proxecto porque “apoiar o comercio e a hostalería local, que siga existindo, é algo fundamental para que os concellos sigan vivos”. En total, “Da túa man rural” impactará nos máis de 700 locais de comercio polo miúdo e de hostalería que existen nestes 11 concellos.
Visibilizar e modernizar
A finalidade de “Da túa man rural” é a de visibilizar e modernizar o pequeno comercio local, “fomentando o comercio de proximidade e traballando para poder adaptalo ás novas demandas e hábitos de consumo”, en concellos de menos de 5.000 habitantes caracterizados por unha importante dispersión xeográfica, poboación envellecida e perda de poboación, falta de substitución xeracional, altas taxas de paro feminino, dificultade para a adaptación ás novas tecnoloxías e de medidas de economía circular, pero tamén con recursos turísticos estratéxicos, como o Camiño de Santiago ou patrimonio BIC.
“Conseguirémolo a través da dixitalización, a economía circular ou o desenvolvemento de plataformas”, explicou a presidenta quen detallou que “a partir do 1 de marzo comezaremos a contactar cos concellos participantes para decidir onde desenvolver as accións en cada territorio e avanzar no seu deseño”. Carmela Silva lembrou que se trata do terceiro proxecto que a institución provincial desenvolve ao abeiro das axudas da Secretaría de Estado do Comercio para apoiar a actividade comercial no horizonte 2023-2024 e que están a permitir implementar accións de fortalecemento de comercio e mellora das contornas comerciais nun total de 31 municipios.
Tres campañas en medios dixitais
Ao abeiro de “Da túa man rural”, ao longo dos próximos dous anos, deseñaranse e lanzaranse tres campañas de comunicación en medios dixitais para animar á xente a que merque no comercio local, aínda que Carmela Silva explicou que, “como iniciativa propia da Deputación”, tamén se planearán campañas para a radio, “pois no medio dixital chegamos a un tipo de público que nos interesa, mais hai xente maior que segue a recibir a información a través dos medios tradicionais”. Por outra banda, dotarase de prazas de aparcamento reservadas e deseñadas para persoas con mobilidade reducida, sinaladas de forma visible e coas dimensións regulamentarias, ademais de delimitar a zona comercial mediante o embelecemento con xardineiras, “creando un espazo que sexa atractivo”.
Todo isto farase “con materiais respectuosos co medio ambiente e adoptando as medidas necesarias para asegurar a accesibilidade universal”, asegurou a presidenta. A transformación do punto de venda contemplarase coa instalación de sinalética corporativa luminosa con carga solar que contará “coa información sobre a localización da zona comercial e dos comercios, dirixida a visitantes, turistas e residentes e que se asociará con códigos QR”.
En materia de sostibilidade promoveranse novos deseños de packaging para o comercio e a comunidade escolar, “como alternativa sostible e reutilizable ao de plástico ou papel”, empregando materiais compostables ou reciclados da actividade comercial e hidrosolubles. Ademais, instalaranse illas ecolóxicas que estarán dotadas de “contedores específicos para papel e cartón, envases lixeiros, vidro, biorresiduos e restos”, mais tamén con dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, “como pilas, lámpadas ou residuos electrónicos”.
Para “crear vínculos comerciais e estreitar e fortalecer as relacións”, porase en marcha unha rede de comercio local que integrará aos axentes do mesmo cos produtores locais e provedores de servizos. “Desenvolveremos unha plataforma tecnolóxica que contará cunha parte pública e outra privada, a modo de intranet, para poñer en valor o comercio local desde o público e o privado”, explicou Carmela Silva. Por último, a presidenta detallou as dúas liñas en materia de sensibilización e formación, unha que contará “con talleres dirixidos ás e aos comerciantes sobre xestión de negocio con novas tecnoloxías, maketing dixital e venda online”, e a outra, pensada tanto para comerciantes como para persoas consumidoras, para fomentar os principios da sustentabilidade, “aprender a prever a xeración de residuos, a reutilización de produtos ou a correcta separación dos residuos para a reciclaxe”.
留言