Laura Moure/Lalín
O goberno de Luis López reforza no seu primeiro ano á fronte da Deputación os programas de apoio ao sector primario a través de Areeiro e Mouriscade e impulsa actuacións para conservar a contorna natural da provincia.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.
Publicidade
Neste eido, estase a traballar para impulsar a finca en materia turística, co obxectivo de promover a camelia e a marca TéAreeiro, chegando ao tecido asociativo a través, entre outras iniciativas, de cursos de formación para a elaboración de té de camelia. Prevese tamén dinamizar o recinto a través de concertos e eventos e poñer en marcha o Camelia Fest, da man das áreas de Cultura e Turismo.
Mouriscade
No que respecta á Finca Mouriscade de Lalín, da que é responsable o deputado provincial Jorge Cubela, tense conseguido en só un ano avances en canto á calidade xenética dos animais da gandeira, froito da compra de embrións procedentes das mellores vacas, tanto a nivel nacional como internacional, principalmente de Estados Unidos e Canadá. Estes avances constátanse na mellora na listaxe das explotacións con mellor índice combinado (ICO) de España, pasando do número 12 do ano pasado ao número 4 que ocupamos na actualidade.
Ademais, tamén este ano púxose en marcha o laboratorio móbil de aspiración transvaxinal de ovocitos, significando unha mellora substancial na calidade do traballo que se está a levar a cabo nas distintas explotacións gandeiras da provincia. E optimizouse a plataforma de venda de embrións producidos en Mouriscade, para que sexa máis áxil e transparente e todos os gandeiros que o desexen teñan a mesma capacidade e accesibilidade á compra. Tamén este ano aprobouse o acordo regulador do prezo público por prestación do servizo de venda de embrións bovinos de Mouriscade, bonificando aproximadamente o 30% no prezo de venda dos embrións aos gandeiros da provincia.
Nestes primeiros doce meses de goberno de Luis López na Deputación tamén se realizaron subastas de gan a man alzada, abertas a todos os gandeiros, e asinouse un convenio coa Confederación Nacional de Frisona Española para a avaliación xenómica da eficiencia alimentaria e a toma de datos sobre saúde e benestar animal.
Medio Ambiente e Mar
A través da área de Medio Ambiente e Mar, que lidera Marcos Guisasola, impulsáronse liñas de axuda para gastos de funcionamento que garantan a sustentabilidade das actividades pesqueira e marisqueira, así como iniciativas para o mantemento e conservación da contorna agroforestal e a prevención e defensa contra os incendios forestais. Tamén se impulsaron actividades de apoio aos produtores agropecuarios na aplicación da PAC e en materia de prevención de riscos laborais, así como traballou na conservación da biodiversidade a través de proxectos centrados nos hábitats costeiros galaicoportugueses.
Publicidade
Aprobáronse este ano axudas para cooperativas agrogandeiras da provincia cun orzamento de 250.000 euros e para confrarías e agrupacións de mariscadoras polo mesmo importe. Neste último caso, por vez primeira e para atender a demanda do sector, a institución provincial destinará 175.000 euros para que estas entidades poidan afrontar gasto corrente.
Tamén están en marcha os programas “Voando nas Rías Baixas”, con rutas ornitolóxicas por diferentes contornas naturais da provincia, e “+Bosques”, para desfrutar dos “baños de bosque” en diferentes lugares da costa e do interior de Pontevedra. E, de cara aos vindeiros meses, preténdese incrementar o apoio ao sector primario así como as actuacións encamiñadas á divulgación ambiental para conseguir unha provincia máis sostible.
Comments