top of page

A Deputación de Pontevedra poñerá en marcha instalacións fotovoltaicas no Consistorio de Dozón

Esta achega enmárcase dentro da medida de instalacións de xeración eléctrica renovable para autoconsumo da convocatoria de axudas para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico do Plan de Recuperación


Laura Moure/Dozón

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) vén de conceder unha nova axuda de 134.000 euros á Deputación de Pontevedra para dotar de instalacións fotovoltaicas a varios edificios de cinco concellos da provincia, revalidando desta maneira a aposta da Administración provincial polas enerxías sostibles. Entre este municipios figura Dozón. En concreto, esta achega enmárcase dentro da medida de instalacións de xeración eléctrica renovable para autoconsumo da convocatoria de axudas para inversións a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000) do Plan de Recuperación.

O IDAE financia con esta achega o 85% das actuacións que se levarán a cabo nos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Dozón, Forcarei e Ribadumia, mentres que o 15% restante (25.238 euros) repártese a partes iguais entre a Deputación e os concellos nos que se instalan as placas solares. En canto a Dozón, procederase a colocar novas instalacións na Casa do Concello, con potencia eléctrica de 2,72 kW e produción anual estimada de 7.023 k W, no Centro de Saúde (2,72 kW e produción estimada de 3.478 kW) e no Albergue (10,88 kW e produción estimada de 14.828 kW) cunha axuda de 17.767 euros.

Con esta nova achega, no que vai de ano a Deputación recibiu de man do IDAE fondos europeos por valor de preto de 2 millóns de euros para realizar actuacións en doce concellos da provincia en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sostible. En total, nos últimos catro anos foron 13,9 millóns de euros de fondos europeos do IDAE para diferentes proxectos con destino a 55 concellos e a unha entidade menor.

0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
bottom of page