top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Deputación de Pontevedra pecha ao 100% a ocupación do viveiro de empresas de Lalín

As tres naves e as cinco oficinas xa están completas trala adxudicación da última nave a unha empresa de construción de máquinas para traballar a madeira


Laura Moure/Lalín

A Deputación de Pontevedra vén de encher por completo o viveiro de empresas de Lalín, tras o visto bo da comisión de selección á instalación dunha nova empresa de construción de máquinas para traballar a madeira. Con esta nova firma, as tres naves e as cinco oficinas do viveiro dezá están xa ao 100% de ocupación.


A nova incorporación é a da empresa "José Toimil López", que se encargará de construír máquinas para traballar a madeira. A firma únese así a Arzeos Aircraf (empresa dedicada á fabricación e comercialización de aeronaves ultralixeiras), e Bezos & Jobs Supplies (servizos de importación para terceiros) que están xa a operar desde as naves do viveiro de Lalín que teñen unha superficie de entre os 131 e os preto de 143 metros cadrados.


O viveiro de Lalín.

Autor: Deputación de Pontevedra.


Xunto ás naves, o viveiro conta con cinco oficinas, de entre os 16 e 18 metros cadrados cada unha, que tamén están ao 100 % de ocupación. Nas oficinas atópanse empresas como Javier Campos Beltrán, Sokajier Technic SL, Leticia del Valle Ortín e Martín Wolfswinkel que se encargan, entre outras cuestións, de prestar asesoramento veterinario e a explotacións gandeiras, da xestión e comercialización de proxectos de maquinaria industrial, da formación/coaching e asesoramento educativo e da representación de empresas de téxtil e venda de produtos de confección.


A Deputación de Pontevedra ten en marcha nestes momentos o terceiro Plan de Dinamización dos Viveiros, enfocado a ofertar unha carteira de servizos que dean valor engadido aos proxectos que se atopan nestas instalacións e a impulsar accións dirixidas ao fomento do emprendemento, da innovación e da sustentabilidade.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page