A Deputación de Pontevedra mellorará a seguridade de varios viais, entre eles, na comarca de Deza
- Laura Moure
- 27 ago 2023
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Deza
A Deputación de Pontevedra segue a avanzar nas obras de instalación de cunetas de seguridade na rede provincial de estradas. Como informou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a Xunta de Goberno acordou este venres a ampliar o prazo de execución destes traballos, nos que se invisten 1,9 millóns de euros en 2023. Entre estes figuran zonas da comarca de Deza.

As obras derívanse, como destacou Domínguez, do acordo marco que aprobou a Deputación “para dotar as vías provinciais destes elementos de seguridade naqueles puntos nos que, polas súas circunstancias ou características, resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas”. O resultado “ofrécelles igualmente ás e aos peóns seguridade e un itinerario cómodo”, engadiu.
A través deste acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur), e este ano estase a actuar nun total de 77 estradas en 54 concellos. O prazo para rematar as obras finalizaba en setembro, pero, tras o acordo da Xunta de Goberno, amplíase tres meses máis.
Publicidade
Na zona norte, o investimento é de 665.000 euros e estase a actuar en 20 estradas, que transcorren por Forcarei, Silleda, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira.
No que se refire á zona centro, o investimento en 2023 é de 740.000 euros e estanse a instalar cunetas en 38 estradas, que pasan por Barro, Portas, Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Publicidade
Finalmente, na zona sur, o orzamento é de 600.000 euros e estase a intervir en 19 estradas provinciais, que discorren por Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.
Comments