O prazo de execución será de tres meses desde que comecen as obras
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento para mellorar a mobilidade da provincia por un importe de 2,23M€ en diferentes actuacións que afectan a estradas de todo o territorio. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, tras a sesión celebrada onte na que detallou que entre as diferentes actuacións, a institución licita tres proxectos e adxudica outros tres para mellorar seis estradas provinciais con 1,5M€. Entre estes proxectos figura un en Antas de Ulla, municipio do que García Porto é alcaldesa.

Publicidade
Deste xeito, licitouse en Antas de Ulla un proxecto para mellorar case tres quilómetros na LU-P-0301, que une a vila de Antas co límite da provincia de Pontevedra, por Rodeiro. Os traballos, cun prezo de 152.181,89€, afectan ao treito comprendido entre o quilómetro 3,657 e o 6,527 e consisten na reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización. O prazo de execución será de tres meses desde que comecen as obras.
Unha actuación que, segundo as palabras de Pilar García Porto, “dará continuidade ós traballos que xa está a realizar a Deputación no tramo anterior da vía, que é o que dá acceso ó Parque Central de Galicia en Nugallás, con preto de medio millón de euros”.
Comments