top of page

A Deputación de Lugo aproba investimentos por máis de 800.000€ para a mellora de 5 viais, entre eles en Antas e Palas

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Laura Moure/A Ulloa

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento que supera os 800.000 euros para acometer obras de mellora en cinco estradas provinciais ao seu paso por oito concellos: Guntín, Friol, Palas de Rei, Cospeito, Paradela, O Saviñao, Antas de Ulla e Sarria. Así o informou a voceira socialista, Pilar García Porto, despois da reunión semanal do Executivo.


“Continuamos facendo un gran esforzo investidor para manter e mellorar a rede viaria provincial que, con 4.217 quilómetros de lonxitude, é a máis extensa de todas as Deputacións de España e tres veces maior ca da propia Xunta de Galicia”, sinalou García Porto, quen engadiu que o Executivo autonómico conta cun orzamento 115 veces superior o da institución provincial, con 13.257M€ fronte aos 116M€ da Deputación.

Explicou a Deputada que a Xunta de Goberno aprobou a licitación de obras de mellora en tres estradas: 

- Na LU-P-2901, que conecta Lugo, polo Burgo, con Palas de Rei, mellorarase un tramo de case 3 quilómetros, ao seu paso polos concellos de Guntín, Friol e Palas, cun orzamento de 277.000€. O proxecto afecta ao tramo do quilómetro 18,445 ao 21,370, e consiste na reapertura de cunetas, tarefas de limpeza e drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e a sinalización vertical. O prazo de execución é de dous meses unha vez iniciadas as obras. 


“Este novo investimento na estrada provincial de Lugo a Palas de Rei súmase ó máis de un millón de euros que xa destinou a Deputación a esta mesma vía a través de distintos proxectos ó longo do último mandato”, explicou García Porto, quen sinalou que desta forma “cumprimos coa palabra dada polo Presidente desta institución de renovar completamente esta estrada tan importante, , que beneficia de xeito directo ós veciños e veciñas dos concellos de Lugo, Guntín, Friol e Palas de Rei”.


- Na LU-P-1701, que comunica Feira do Monte con Muimenta, en Cospeito, a Deputación licita obras por 290.000€. Un proxecto que afecta aos seis primeiros quilómetros e que consistirá na limpeza das marxes, drenaxe, estendido de aglomerado en quente e o pintado da vía. O prazo de execución é de dous meses.


- Na LU-P-4201, que dá servizo aos concellos de Paradela e O Saviñao, mellorarase o treito que vai do quilómetro 8 ao 11,850 cun orzamento de 145.000€. Os traballos consistirán no acondicionamento do firme, a reapertura de cunetas, e a repavimentación de zonas degradadas. O prazo de execución é de dous meses.


Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar por máis de 82.500€ unha obra para a rehabilitación do firme da estrada LU-P-4003, que une os núcleos de Coence e Santa Mariña por Chorexe, no concello de Antas de Ulla. Afectará ao tramo entre o punto quilométrico 4,4 e 5,5 e consistirá na limpeza dos laterais, o estendido de aglomerado en quente e a sinalización mediante o pintado de marcas reflexivas brancas. A adxudicataria é Ovisa Pavimentos y Obras SLU, que aumentou o prazo de garantía en 3 anos e reduciu o prazo de execución da actuación en 15 días, quedando finalmente en mes e medio unha vez iniciada.


No que ten que ver coas estradas, a Xunta de Goberno acordou tamén declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas das últimas semanas no punto quilométrico 1,6 da estrada LU-P-5702, de Pedrafita a Vilanova de San Vicente por Sabadelle o seu paso polo concello de Sarria.

“Esta decisión permitiranos actuar de forma máis rápida e eficiente para repoñer o estado da vía porque será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Construcciones Leonardo Miguélez, a que se encargará dos traballos”, relatou García Porto, quen sinalou que o orzamento estimado é de preto de 69.000€.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Servizo de Teleasistencia 

A Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato por preto de 410.000€ para a prestación do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo. Un servizo a través do cal a institución provincial garante atención domiciliaria gratuíta as 24 horas, os 365 días do ano, a cerca de 2.000 veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia que teñen dificultades na súa autonomía.


Esta prestación, que favorece a permanencia, o arraigo e a integración no entorno familiar e social destas persoas, consiste na instalación dun dispositivo no domicilio das persoas usuarias que permita a mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia, necesidade ou seguimento. “Os usuarios deste servizo e as súas familias viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sós, contan cun sistema de chamada para recibir atención en calquera momento”, valorou a Deputada, que explicou que é un dos tres piares da rede de protección social da institución provincial.

O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de tres prórrogas, sen que a duración total exceda dos catro anos.


Programa de dotación e mellora de servizos comunitarios

Aprobado ademais o último paso administrativo para o pago dunha subvención por 6.000€ á comunidade de usuarios de auga de Louxas, no concello da Fonsagrada, dentro do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios e que serviu para a mellora da traída de augas neste núcleo rural.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page