A Deputación de Lugo adxudicou por 514.225 euros as obras de mellora na LU-P-0301 en Antas
- ecosdacomarca
- 29 jun 2024
- 2 Min. de lectura
Serán realizadas pola empresa Explotaciones Gallegas SL
Ecos da Comarca/Antas de Ulla
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación de catro novas obras en estradas provinciais nos concellos de Antas de Ulla, Castro de Rei e O Saviñao cun investimento conxunto de preto dun millón de euros. Nesta liña, a Voceira socialista do Goberno e alcaldesa de Antas, Pilar García Porto, informou que a institución provincial “continúa mellorando a mobilidade na nosa provincia, sacando adiante actuacións para renovar a rede viaria provincial e para o seu mantemento e conservación”.

En concreto, no concello de Antas de Ulla a Deputación adxudicou á empresa Explotaciones Gallegas SL por un importe de 514.225€ as obras de mellora que se van realizar na LU-P-0301, a vía que dá acceso ao que será o Parque Central de Galicia e que estará situado neste municipio. O proxecto, que ten un prazo de execución de catro meses, incorpora actuacións entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6 e inclúe o ensanche de varios treitos, as correspondentes tarefas de drenaxe, a colocación das tubaxes correspondentes, así como a limpeza de cunetas. Tras rematar estes traballos, procederase á pavimentación con aglomerado en quente en todo o trazado, á sinalización da vía con marcas reflexivas brancas e á renovación das sinais verticais.
Publicidade
García Porto puxo en valor a importancia desta estrada posto que o tramo que se acondicionará “é o que vai dende o centro de Antas de Ulla ata Nugallás, lugar onde a institución provincial está construíndo o Parque Central de Galicia, punto exacto no que se atopa o centro xeográfico do territorio galego”.
Publicidade
“Trátase dunha actuación moi relevante, tanto para a veciñanza, por ser a vía que comunica coa provincia de Pontevedra por Rodeiro, como polo feito de ser a principal arteria de comunicación para acceder ao futuro Parque Central de Galicia. Ademais, esta estrada dará servizo ao incremento de tráfico previsto coa apertura do novo atractivo turístico, tendo un impacto económico e de promoción moi positivo para Antas de Ulla, a comarca da Ulloa e a provincia de Lugo, dentro e fóra de Galicia”.
Comments