Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

A Deputación de Lugo adxudica as obras do Parque Central de Galicia por 1,3 millóns de euros

O comezo das obras dependerá da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla conceda ao ente provincial a licencia necesaria


Laura Moure/Antas de Ulla

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación por un importe de 1,3 millóns de euros das obras de construción do Parque Central de Galicia, o proxecto “que estamos impulsando a Deputación de Lugo para poñer en valor o centro xeográfico de Galicia, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo estableceu o Instituto Xeográfico Nacional”.

“As actuacións que aprobamos adxudicar inclúen a colocación dun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial que dá acceso ó Parque, e o acondicionamento dunha praza e a colocación dun monolito xusto nas coordenadas que indican o centro xeográfico de Galicia”, subliñou a tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo. Detallou que ao lado dereito do monolito, haberá un templete -unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre-, e ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras.


Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, a Deputación dotará o Parque Central dun parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades, e tamén haberá dúas fontes. Así mesmo, o proxecto contempla a instalación do alumeado do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira, e bancos e mesas de pedra para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes. Unha vez adxudicadas as obras, o inicio das mesmas dependerá agora da axilidade coa que o Concello de Antas de Ulla lle conceda á Deputación a licencia necesaria. Cando comecen os traballos, o prazo de execución será de cinco meses, un mes menos do inicialmente previsto porque a empresa adxudicataria se comprometeu a facelas neste tempo.

“Con estas actuacións quedará completada a creación do Parque Central de Galicia porque, despois de adquirir as parcelas e de presentar o proxecto a toda a sociedade da provincia nun acto público, a Deputación comezou en abril do ano pasado cos traballos de acondicionamento dos terreos e, nestes momentos, estamos ultimando as obras de creación dunha zona de estacionamento e de mellora viaria do acceso a este espazo”, indicou Pilar García Porto.


A Deputada subliñou que “o Parque Central de Galicia é un proxecto de provincia, un compromiso do Presidente, que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor, e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego, pola súa capacidade de atracción e de dinamización turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.


105 visualizaciones0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE