A Deputación da Coruña invistirá 120.000 euros na 49ª edición da Festa do Queixo de Arzúa
- Laura Moure
- 10 dic 2024
- 2 Min. de lectura
Suporá unha achega do 37% do orzamento total
Laura Moure/Arzúa
A Deputación da Coruña colabora co Concello de Arzúa, destinando 120.000 euros á 49 edición da Festa do Queixo de Arzúa 2024. O vicepresidente, Xosé Regueira, e o alcalde de Arzúa, Xesús Carril Ramos, asinaron este luns na sede provincial o convenio, que supón unha achega do 37 por cento do orzamento total.
O obxectivo deste acordo é potenciar a Festa do Queixo, impulsando un produto local característico do municipio e da provincia, o queixo D.O.P Arzúa – Ulloa distinguido desde o ano 1989 coa denominación de Produto Galego de Calidade.

Regueira destacou a "particularidade" desta festa, "que é vai máis aló da gastronomía e da música para converterse nunha celebración da nosa identidade colectiva que xa forma parte do patrimonio da provincia, e que ademais é declarada festa de interese turístico de Galicia dende o 1999". "Ademais", engadiu, "representa un motor económico fundamental, polo que encaixa á perfección coa nosa estratexia turística que promove un impacto positivo na contorna tanto a nivel económico como social e medioambiental".
A Festa do Queixo de Arzúa, que se celebrou en marzo, ademais da degustación de produtos gastronómicos, contou coas actuacións musicais de bandas de referencia tanto a nivel galego como estatal, como Guadi Galego, Grande Amore, Fillas de Casandra, De Vacas ou Arde Bogotá, entre outras.
"Agradecemos á Deputación, nomeadamente ao vicepresidente Xosé Regueira, este novo compromiso coa Festa do Queixo. Desde a primeira reunión, a Deputación da Coruña amosou interese en consolidar e aumentar o seu apoio a este evento, que non só promove o noso queixo D.O.P. Arzúa-Ulloa, senón que preserva e promociona o noso patrimonio cultural ao tempo que dinamiza a nosa economía local", afirma o alcalde, Xesús Carril Ramos.
Publicidade
Un novo compromiso coa Festa
Ata o de agora, o apoio da Deputación centrárase principalmente en apoiar os concertos musicais da festa. Coa firma deste convenio, o Concello conseguiu que a achega provincial abranga todas as fases de produción do evento: desde a promoción e difusión, ata a instalación das infraestruturas e a organización dos stands e as actividades complementarias.
Cara á 50ª edición: medio século “queixeando”
O Concello de Arzúa xa adiantou hai uns meses que xa está a traballar na planificación da 50ª edición da Festa do Queixo, na que queren aproveitar o simbólico da cifra, para acadar novos acordos institucionais que colaboren coa consolidación do evento. Novas reunións e colaboracións que buscarán reforzar aínda máis a traxectoria histórica deste evento, que combina tradición e modernidade. E xa leva medio século de exaltación gastronómica e cultural ininterrumpidas.
Comments