A área de Cultura destina case 83.000 euros a profesionalización das áreas de cultura municipais dos concellos das comarcas de Arzúa e Terra de Melide
Laura Moure
Un total de 74 concellos da provincia da Coruña terán persoal técnico especializado en xestión cultural co apoio da convocatoria á que a area de Cultura da Deputación da Coruña destina nesta nova edición un total de 769.959 euros. A iniciativa ten como obxectivo a creación de emprego no sector e a profesionalización das áreas de Cultura municipais. Concretamente, para aos municipios das comarcas de Arzúa e Terra de Melide concede en total 82.666 euros.
Desta maneira, a área de Cultura da Deputación da Coruña colabora cos concellos na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector afectado pola pandemia. A convocatoria promove o mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural. "Desde a área de Cultura queremos contribuír á profesionalización das áreas de cultura dos concellos e tamén dos centros deles dependentes como museos ou centros de interpretación para promover tamén boas prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector e obrigou a mudar as dinámicas existentes na xestión municipal cultural", sinala o responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.
As bases da convocatoria foron elaboradas en colaboración con entidades e profesionais do sector para a definición dos perfís profesionais ademais da procura da estabilidade laboral das persoas contratadas. Desta maneira, desde a área de Cultura da Deputación quíxose facer un esforzo en contribuír á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes, definido requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo.
Neste sentido, as modalidades establecidas na convocatoria son mantemento e creación de postos de persoal técnico en xestión cultural ou animación sociocultural. Das comarcas Arzúa recibirá 9.812 euros, Boimorto, 9.980 que será a mesma cantidade que lle concederá a Melide e a Santiso; Sobrado dos Monxes será beneficiario dunha maior cifra con 14.970 euros, Toques 7.984 e Touro e O Pino obterán tamén 9.980 euros, respectivamente.
Yorumlar