top of page

A Deputación da Coruña celebra a Festa da Música 2026 con 15 concertos, entre eles en Santiso e Melide

O ciclo desenvolverase ao longo do mes de xuño con actuacións de Cuarteto Debiselas, Anxo Araújo, Faia Díaz, Su Garrido Pombo e Belém Tajes


Laura Moure/Santiso/Melide

A Área de Cultura da Deputación da Coruña celebra unha nova edición da Festa da Música, cun programa que levará 15 concertos a 13 concellos da provincia ao longo do mes de xuño, entre eles a Santiso e a Melide. A iniciativa forma parte da conmemoración do Día Europeo da Música, que se celebra o 21 de xuño, e ten como obxectivo achegar a música galega a públicos de todo o territorio a través dunha programación diversa e de calidade.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a Festa da Música é unha mostra do compromiso da Deputación coa creación musical galega e coa descentralización da oferta cultural. «Traballamos da man dos concellos para que a cultura chegue a toda a provincia e para apoiar artistas que representan a riqueza e a diversidade da música galega actual», sinalou.


A programación comezará os días 5, 6 e 7 de xuño co espectáculo 'Merendola desconcertante', do Cuarteto Debiselas, que chegará aos auditorios de Visantoña, en Santiso, e do Centro Cívico de Malpica, así como ás Escolas da Atalaia de Asados, en Rianxo. A proposta continuará o 18 de xuño no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, o 19 no adro do Convento do Carme de Padrón e o 28 de xuño no Auditorio Municipal de Cerceda.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Anxo Araújo protagonizará tres actuacións dentro do ciclo. O músico actuará o 23 de xuño na praza Floreal de Cedeira, o 26 no anfiteatro de Arteixo e o 27 no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee.


Pola súa banda, Faia Díaz presentará 'Alvela' o 14 de xuño na igrexa de Santa María de Melide e o 28 de xuño no Auditorio Municipal de Ribeira.


O proxecto Traspielas, impulsado por Su Garrido Pombo, ofrecerá dous concertos: o 19 de xuño no Teatro-Cine Elma da Pobra do Caramiñal e o 21 de xuño no Pazo da Cultura de Carballo.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

A programación completarase coa cantante Belém Tajes, que presentará o seu primeiro disco, 'Amar o mar', o 19 de xuño no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo e o 20 de xuño no Teatro da Beneficencia de Ortigueira.


Con esta nova edición da Festa da Música, a Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola difusión da música galega e pola colaboración cos concellos para impulsar unha programación cultural estable e accesible en todo o territorio provincial.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page