A institución dotará ao cenobio dunha acometida xeral aproveitando as obras na EP-6502 e na EP-6505 para poder iluminar o recinto sen ter que recorrer a xeradores de gasóleo
Laura Moure/Silleda
Ábrese unha nova etapa para o mosteiro de Carboeiro, en Silleda. A Deputación de Pontevedra acometerá as necesarias e ansiadas obras para levar a luz eléctrica á contorna do cenobio, unha demanda histórica que será solucionada pola institución provincial cun orzamento de 400.000 euros, e que suporá un paso enorme cara ás posibilidades de potenciar aínda máis un dos elementos patrimoniais máis relevantes de Galicia. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, presentaron o anteproxecto desta actuación que se levará a cabo no marco das obras que se van executar na EP-6502 Silleda-Castro-Merza e na EP-6505, que incluirán no só a instalación necesaria para a captación eléctrica que levará a corrente tras dúas décadas á espera dunha conexión, senón tamén a mellora de ambas as dúas estradas para facilitar a mobilidade peonil.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción por poder confirmar unha nova tan salientable para Carboeiro e lembrou que “o concello de Silleda leva anos intentando facer que chegue a iluminación a esta xoia da provincia de Pontevedra situada no corazón da comarca de Deza”. Aínda así, a presidenta provincial sinalou que ”chama á atención que a administración competente na salvagarda do patrimonio, a Xunta, non fixera nunca este esforzo” xa que, asegurou, “o Mosteiro de Carboeiro ten un enorme poder de captación, atraendo miles de persoas, e con esta iluminación poderanse facer multitude de actividades culturais, tamén nocturnas, nun lugar máxico que aumentará esa atracción que xa ten agora”.
Carmela Silva puxo en valor, “ademais do patrimonio arquitectónico moi salientable”, o atractivo natural da contorna. “Imos facer posible que a xente poida vir camiñando de forma segura a través destas dúas estradas provinciais que chegan ao Mosteiro, con cunetas transitables a modo de sendas peonís, e gozando dunha contorna incomparable, un paraíso natural onde se unen a pedra, o verde e a auga”, sinalou. A presidenta provincial asegurou que “na Deputación temos claro que a única forma de facer atractivo o noso rural é poñer en valor o noso inestimable patrimonio” e, “xa que a administración competente non tivo a ben facer o que lle correspondía, ímolo facer nós”. Trátase, polo tanto, de solucionar “unha demanda que o alcalde levaba moito tempo formulando e que agora vai ser unha realidade”. Carmela Silva observou os sorrisos das persoas asistentes, sorrisos que “falan do orgullo de facer as cousas ben e de darlle valor a aquilo que fomos e que somos”.
Un dos BIC máis antigos
Pola súa banda, o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, lembrou que “fai a lo menos 20 anos que o Mosteiro de Carboeiro ten unha instalación eléctrica completa, faltaba podela conectar a algures”. Tendo en conta que “é un dos BIC máis antigos de Galicia e o máis visitado do norte da provincia”, Cuíña asegurou que “non cabe dúbida de a quen lle corresponden este tipo de actuacións”, motivo polo que sinalou “o orgullo que sentimos desde Silleda cara ao equipo de goberno da Deputación, que o sentimos sempre, pero hoxe moito máis se cabe porque esta obra é moi significativa”. Cuíña asegurou que “a Deputación non só fai o que é necesario, senón que o fai nas condicións nas que é necesario”, e avanzou que no momento no que rematen as obras “teremos un dos paseos máis bonitos dos que se poderán facer desde Silleda”, ademais de poñer en valor o feito de que “as persoas visitantes poderán deixar o coche e chegar ata o Mosteiro con seguridade”. Ademais, ao dispoñer de corrente eléctrica, a chegada da electricidade suporá tamén melloras nas condicións de traballo do persoal, como o da oficina de Turismo Rías Baixas, “que por fin poderá ter calefacción”.
Ata agora, cada vez que o concello precisaba iluminar o recinto víase obrigado a contratar un xerador de gasóleo para poñer en funcionamento todas as luminarias. “Non podía ser que tivésemos o ruído do xerador, que non ten nada que ver cos sons da natureza que nos chegan nesta contorna”, asegurou o alcalde de Silleda. Tratábase dunha solución anacrónica, ademais de pouco sostible, que será solucionada grazas aos traballos proxectados pola Deputación de Pontevedra na EP-6502 e na EP-6505, nas que se instalará a tubaxe necesaria para poder canalizar a liña de media tensión necesaria para dotar o mosteiro de luz. A corrente captarase da liña que atravesa a parroquia de Carboeiro, no lugar de Carboeiriño, e discorrerá soterrada ata chegar á conexión xa existente.
Mellora do asfaltado
A Deputación acometerá ademais a mellora do asfaltado e da sinalización destas dúas estradas provinciais. Na EP-6502, desde o lugar de Carboeiriño, construiranse máis de 1350 metros de cunetas transitables que redundarán na mellora da mobilidade peonil, e na EP-6505 mellorarase a beirarrúa empedrada que leva ao mosteiro. O obxectivo final sería que toda a EP-6502 Silleda-Merza-O Castro conte cunha senda que una Silleda co Mosteiro.
Comments