A Deputación concede 17.000 euros a Lalín para a adquisición de material para o estadio de Vilatuxe
- Laura Moure

- 16 feb
- 2 min de lectura
Con estes recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, este Concello dotará a esta instalación de material sanitario, fontanería e portas abatibles
Laura Moure/Lalín
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de 17.000 euros ao Concello de Lalín co obxecto de financiar a adquisición de material de diferente tipo para o estadio de San Lorenzo de Vilatuxe.

A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Publicidade
Desta maneira, Lalín destinará esta achega á reforma dos vestiarios desta instalación deportiva. En concreto, contémplase a compra de material sanitario (inodoros, lavabos, instalación para persoas con mobilidade reducida, etc.), fontanería e portas abatibles co obxectivo de modernizar un espazo que é primordial no Concello de Lalín, posto que nas súas instalacións lévanse a cabo as competicións e adestramentos dun elevado número de equipos de fútbol, así como de rugby.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Lalín recibirá este ano máis de 202.500 € no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cos que vai impulsar un total de nove actuacións. Aos 17.000 euros aprobados para o estadio San Lorenzo Vilatuxe, súmanse a adquisición de tamén material para diferentes instalacións deportivas municipais, a instalación de pavimento vinílico na pista do pavillón municipal, a reposición do muro de peche no lateral do campo de fútbol de Lalín, unha cuberta para a zona de xogos, a rotulación de varias zonas no pavillón municipal, a adquisición de máis materiais para o estadio Manuel Anxo Cortizo e a adquisición dun garaxe para salto con pértega.
Publicidade
Ao remate da terceira convocatoria, Lalín terá recibido máis de medio millón de euros da Deputación no marco deste plan.








Comentarios