top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Deputación axuda a Agolada, Dozón, Silleda, Cruces e Rodeiro a avanzar na tranformación dixital

Os 2,52 millóns de euros de fondos europeos permitirán tamén poñer en marcha apps de participación cidadá, portais de transparencia, sistemas de videoactas ou observatorios de ODS e da Axenda 2030 para modernizar as administracións locais da provincia


Laura Moure/Deza

A Deputación de Pontevedra avanza na posta en marcha dos proxectos destinados á transformación dixital e modernización dos concellos de menos de 20.000 habitantes no marco do Plan de Recuperación, que contan cunha achega de 2,52 millóns de euros dos fondos NextGenerationEu. Nos últimos días, a institución provincial comunicou a cada un dos 51 concellos, entre eles aos de Deza, que se adheriron a este proxecto as liñas e proxectos que lles corresponde desenvolver, entre as que destaca o reparto de 582 equipos de traballo intelixentes para facilitar a mobilidade e a produtividade dos empregados e empregadas públicas, 477 deles estándar dotados con capacidades para o desenvolvemento das tarefas ofimáticas máis habituais, e os outros 105 avanzados, de maiores capacidades para o desenvolvemento de tarefas técnicas que requiran prestacións superiores, que se repartiron entre os concellos interesados de maneira equitativa segundo o número de habitantes.

Ademais, desenvolveranse outras catro liñas que chegarán aos concellos atendendo ás súas necesidades, solicitudes e grazas ao reparto equitativo das axudas. Desta maneira, a primeira das liñas consiste na posta en marcha dunha plataforma web/app de comunicación coa cidadanía e xestión de incidencias que chegará a 36 concellos da provincia para permitir que a cidadanía poida comunicar calquera incidencia aos seus concellos, e dun portal de transparencia para 22 concellos que lles permita cumprir coa Lei de Transparencia. A segunda das liñas consistirá no desenvolvemento dun sistema de xestión de órganos colexiados (videoactas) que se desenvolverá en 32 concellos.

Pola súa banda, o terceiro dos proxectos consiste na posta marcha dun cadro de mando de indicadores da Axenda Urbana e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que será unha plataforma de axendas municipais para visualizar, xestionar e analizar estes indicadores e os da Axenda Urbana Española (AUE) da provincia, e que chegará a 25 concellos diferentes. Por último, levarase a cabo a incorporación á Carpeta Cidadá da Administración Xeral do Estado en 48 dos 51 concellos, o que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes de maneira e ter, así, unha visión centralizada e detallada da súa información.


O reparto por comarcas

Na comarca do Baixo Miño adheríronse ao proxecto os concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui. Os cinco concellos recibirán un total de 62 equipos de traballo estándar e 16 avanzados e realizarán a integración coa Carpeta Cidadá. Ademais, a aplicación de participación cidadá, o sistema de videoactas e o observatorio de ODS desenvolveranse en catro concellos da comarca e o portal de transparencia en dous.

Na comarca de Condado-Paradanta participan os concellos da Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario e Salvaterra de Miño, que recibirán un total de 72 equipos estándar e 13 avanzados. Mentres que a integración coa Carpeta Cidadá levarase a cabo en todos os concellos, o sistema de videoactas chegará a sete e o resto de proxectos a cinco dos oito participantes.


No caso da comarca de Deza-Tabeirós e Terra de Montes, os concellos que se adheriron ao proxecto de transformación dixital son Agolada, Dozón, Silleda, Forcarei, Rodeiro e Vila de Cruces, que recibirán 38 equipos estándar e 9 avanzados. En todos eles se desenvolverá o proxecto de integración na Carpeta Cidadá, mentres que a aplicación de participación e o sistema de videoactas despregaranse en catro e o resto dos proxectos en tres dos concellos de menos de 20.000 habitantes participantes.

En canto á comarca de Pontevedra, o proxecto chegará aos concellos da Lama, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas e Vilaboa. En todos eles porase en marcha a integración coa Carpeta Cidadá e recibirán un total de 86 equipos de traballo estándar e 22 avanzados, que tamén contarán coa integración coa Carpeta Cidadá. Por outra banda, a ata 9 concellos chegará a aplicación de participación entre a cidadanía e o goberno local, a 7 o portal de transparencia e a catro o sistema de videoactas e os observatorios.


Xa na comarca do Morrazo son Bueu e Moaña os concellos que se adheriron ao proxecto europeo liderado pola Deputación e que recibirán 30 equipos de traballo estándar e seis avanzados. Se ben os proxectos de integración coa Carpeta Cidadá e a aplicación de participación desenvolveranse nos dous concellos morracenses, tan só Bueu solicitou o sistema de videoactas.

No caso do Salnés, participan os concellos de Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilanova de Arousa. Neste caso, ademais de recibir 92 equipos intelixentes estándar e 18 avanzados, a integración coa Carpeta Cidadá realizarase en 9 dos 11 concellos, a aplicación de participación e o sistema de videoactas en 6, o observatorio en 3 e o portal de transparencia tan só chegará a un concello.


Por último, na comarca de Vigo adheríronse os concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Salceda de Caselas e Soutomaior, que contarán con 97 equipos de traballo estándar e 21 avanzados. En canto ao resto das liñas, a integración coa Carpeta Cidadá despregarase en 7 dos 8 concellos e en 6 desenvolveranse a aplicación de participación, o sistema de videoactas e o observatorio de ODS, mentres que 4 concellos solicitaron o portal de transparencia.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page