Isto contribuirá a ter un itinerario peonil seguro e a actuación conta cun orzamento de 800.000 euros
Laura Moure/Silleda
A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar este venres o proxecto para abordar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-7291 Cachafeiro-Silleda, que suporá a creación dunha senda peonil de 1,4 quilómetros de lonxitude. Con esta actuación, tal e como subliñou a presidenta provincial Carmela Silva, “vaise completar a transformación de toda a fronte urbana de Silleda como itinerario peonil seguro” baixo o modelo provincial de mobilidade sostible. O investimento para esta remodelación acada case 800.000 euros (799.014€), e financiarase a través dun convenio entre a Deputación, que aportará o 80% (639.211€), e o Concello, o 20% restante (159.802 euros).
As obras, que terán un prazo de execución de oito meses, abranguen un treito de case 1,4 quilómetros e van permitir dotar a toda esta franxa dun espazo peonil continuo e seguro entre a rotonda de enlace coa N-525 e o acceso a Toiriz. Construirase na marxe esquerda da estrada unha senda peonil de formigón coloreado de case 1,4 km e un ancho mínimo de 2,5 m, que unirá o núcleo de Toiriz coa conexión coa N-525, nun tramo que, como lembrou a presidenta, coincide co Camiño de Santiago. A senda e o espazo peonil, que transcorrerá por equipamentos públicos de Silleda, solucionará as carencias actuais da estrada, que na actualidade conta con dous carrís con ancho variable e sen beirarrúas en case toda a zona.
Ademais, renovarase a capa de rodaxe e instalaranse pasos peonís sobreelevados para acougar a velocidade dos vehículos e dar prioridade ás e aos peóns á hora de cruzar a estrada provincial, creando itinerarios peonís transversais seguros. Habilitarase unha nova rede soterrada de recollida de augas pluviais e executarase un treito de canalización de saneamento ao inicio do ámbito.
Tamén se aproveitarán estes traballos para dotar toda a senda de alumeado público con canalización soterrada e colocaranse 40 novas columnas e luminarias LED de alto rendemento.
Comments