top of page
Foto del escritorLaura Moure

A Deputación aproba o último paso administrativo que lle permitirá pedir a licencia de obra municipal para facer realidade o Parque Central de Galicia

Este situarase no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante en Antas de Ulla


Laura Moure/A Ulloa

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investimentos que suman preto de 3M€ para a mellora da mobilidade na provincia. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, detallou que estes fondos irán destinados á mellora de tres estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Castro de Rei e de Antas de Ulla, e á conservación e mantemento da Rede Viaria Provincial.


- Por unha banda, licitouse a obra de acondicionamento dun novo tramo do Cinto Comarcal, a estrada LU-P-1611, ao seu paso polo concello de Castro de Rei, entre os quilómetros 93,665 e 94,395. Cun investimento de 85.000€ para a drenaxe, fresado da vía, estendido de aglomerado en quente e reposición da sinalización. O prazo de execución será de 3 meses desde que se inicien os traballos.


“A Deputación leva dedicados máis de 3,3M€ ó Cinto Comarcal de Lugo dende que José Tomé Roca é Presidente desta institución“ , sinalou o Deputado, para quen “demostra ben o esforzo investidor enorme que está facendo esta institución provincial na mellora e conservación desta estrada“. Lembrou que o Cinto Comarcal conta con 131 quilómetros de lonxitude, que, polas súas características, “debería ser de titularidade da Xunta de Galicia, como xa temos reivindicado en moitas ocasións“.


- Licitada tamén por preto de 150.000€ a mellora da LU-P-1105, de Ponte de Outeiro a Quintela, no tramo que vai do quilómetro 3,365 ó 6,003. Uns traballos que consistirán na reapertura das cunetas, na pavimentación con aglomerado en quente e na reposición da sinalización. Terán un prazo de execución de 3 meses desde o inicio das obras.


- Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a adxudicación, por máis de 160.000€ á empresa Ovisa Pavimentos y Obras SLU, das obras de mellora da LU-P-0302, que é a que vai de Antas ó límite provincial con Pontevedra por Santa Mariña. O proxecto afecta ao treito comprendido entre o quilómetro 6,6 e 9,9, e consiste na drenaxe, no aglomerado e no pintado da vía. O prazo de execución é de dous meses.


Polo que respecta á conservación e mantemento das estradas provinciais, a Xunta de Goberno acordou a adxudicación, por un importe de 2,46M€ e por un período de un ano, de  6 dos 8 lotes nos que está dividido o contrato para a prestación deste servizo, e que se corresponden coas 8 zonas que conforman a Rede Viaria Provincial. En concreto, quedan adxudicados os seguintes lotes: 

  • Lote 1: O Vicedo, Viveiro, Xove, Burela, Cervo, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba. Carferlo S.L.

  • Lote 2: O Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Pontenova, Riotorto e Pastoriza.    Construcciones Isidro Otero. S.L.

  • Lote 3: Cospeito, Outeiro de Rei, O Corgo, Baleira, Baralla, Rábade, Meira, Pol, Castro de Rei, Lugo, Castroverde e Láncara.    Grupo Bascuas 2008, S.L.

  • Lote 4Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei.    T.A. Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L.

  • Lote 7: Caurel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas do Sil.    Excavaciones Goni, S.L.

  • Lote 8: Monforte, Bóveda, Pobra do Brollón, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. Fevisa, vias y obras, S.L

Publicidade

Polo tanto, con estas adxudicacións aprobadas hoxe, quedarían só dous lotes pendentes deste contrato da Deputación para a conservación e mantemento da Rede Viaria Provincial:

  • Lote 5: Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna.

  • Lote 6: Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.


Volta Ciclista a España

A Xunta de Goberno acordou tamén  iniciar a tramitación administrativa necesaria para o patrocinio da Volta Ciclista a España deste ano cunha colaboración económica de 40.000€. “Grazas ás xestións do Presidente da Deputación, la Vuelta volverá á nosa provincia neste 2024”, sinalou Rivera Capón, quen destacou que o día 30 de agosto, na súa etapa 13ª, a competición partirá da cidade de Lugo e rematará nos Ancares nun percorrido de 171 quilómetros, cualificado como de montaña. “Esta nova aposta por La Vuelta que facemos dende a Deputación supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística que terá un retorno a curto e medio prazo enorme”, apuntou o Deputado, que detallou tamén que a propia organización da proba mobiliza a unhas 3.000 persoas, o que repercute, de xeito directo, na actividade da hostalería, o turismo e o comercio local. Situou a proba ciclista “na elite do ciclismo mundial” xunto ao Giro de Italia e o Tour de Francia, seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países. “Un grao de exposición mundial moi difícil de alcanzar doutro modo”, asegurou.

Parque Central de Galicia

Acordouse tamén aprobar o último paso administrativo que permitirá á institución provincial solicitar a licencia de obra municipal para  facer realidade no lugar de Nugallás, na parroquia ulloana de San Fiz de Amarante, o Parque Central de Galicia, “o proxecto que impulsamos dende a Deputación de Lugo para poñer en valor o Centro Xeográfico galego e que, sen dúbida, será un revulsivo de primeira orden a nivel social e económico para Antas de Ulla, para a comarca da Ulloa e para o conxunto da nosa provincia”, explicou Pablo Rivera. 


“O que fixemos hoxe foi aprobar o proxecto básico e de execución para a construción do Parque Central de Galicia, adaptado ás determinacións do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a creación deste gran espazo público”, sinalou o Deputado. “Xa podemos solicitar a licencia de obra ó Concello, que, agora si, coa Alcaldesa, Pilar García Porto, á fronte, apoia e colabora decididamente con este proxecto, despois de todas as dificultades e atrancos que puxo o anterior Alcalde de Antas de Ulla”, engadiu.


Unha vez obtida a licencia de obra, explicou que a Deputación de Lugo poderá empezar a executar os traballos, porque xa ten adxudicado o contrato de construción do Parque Central, por un importe de 1,3M€, á UTE Ovisa-Provisa.


Programa Impulsa TIC

Adxudicada tamén, por un importe de preto de 63.000€, o subministro e implantación dunha ferramenta dixital para a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contable para os 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ó programa Impulsa TIC, que a Deputación ten en marcha grazas ós fondos que conseguiu da Unión Europea.

O programa Impulsa TIC conta cun orzamento total de  4,5M€ e ten como obxectivo proporcionar gratuitamente ós concellos servizos e equipamentos tecnolóxicos para axudarlles na súa transformación dixital e, polo tanto, para ofrecer un mellor servizo ós veciños e veciñas.


Servizos agrícolas para a Granxa Gayoso Castro

Licitado por un importe de preto de 126.000€ o servizo de prestación de diversos servizos agrícolas e gandeiros na granxa Gayoso Castro da Deputación. Son servizos especializados, como colleita de millo ou empacado de herba, que precisan de maquinaria especializada. O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de prorrogalo por outro máis.


Publicidade

Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Hoxe tamén se aprobou o último paso administrativo para o pago de dúas  subvencións do Programa da Deputación para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. Por unha parte, unha axuda de 6.000€ para a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, que serviu para acometer obras na nova sede veciñal. E por outra, 6.000€ para a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa que serviron para acometer tamén melloras na sede do colectivo.


Remanentes do Plan Único en Xove

Por último, saíu adiante a solicitude do concello de Xove para investir remanentes do Plan Único do ano 2023 en novas actuacións. En concreto, destinará 20.689,85€ ó acondicionamento do firme de varias pistas municipais en Barxe, Aldea de Arriba e de Abaixo, San Critovo, Xumoas e As Poceiras. 

Antes de rematar, Rivera Capón, destacou que “mentres o Partido Popular só se dedica ao ruído, aos bulos e á crispación; mentres o PP non aporta nada á provincia, porque non ten nin unha soa proposta en positivo, este Goberno provincial sigue, con estabilidade, con transparencia, con seriedade e con rigor, sacando adiante proxectos realistas e útiles, que teñen un beneficio directo e claro para conxunto dos veciños e veciñas da nosa provincia”. 


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page