A Deputación aproba a cesión ao Concello de Lalín de edificiacións da finca Mouriscade
A administración local pretende dar unha nova vida a este espazo conectándoo coa área recreativa do río Asneiro e creando un centro sobre o mundo rural
Laura Moure/Lalín
O Pleno da Deputación aprobou, por unanimidade, a solicitude do Concello de Lalín para a cesión do antigo laboratorio, a casona e as edificacións auxiliares da finca de Mouriscade, ademais dunha superficie de 723 metros cadrados anexa á estrada municipal co fin de garantir a ampliación da súa plataforma a 8 metros. Con estas cesións, a Deputación volve colaborar con Lalín, neste caso para a materialización do proxecto “Espazo Mouriscade”.

O conxunto das instalacións e parcelas foi valorado en 1.315.597 euros. O Concello lalinense pretende dar unha nova vida a este espazo conectándoo coa área recreativa do río Asneiro e creando un centro sobre o mundo rural. O acordo de aprobación inicial do expediente de cesión será agora sometido a exposición pública.
Así mesmo, durante a sesión plenaria abordou o Plan Concellos 2023 máis elevado da historia, dotado con 44 millóns para o financiamento regrado dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, xa é unha realidade. O instrumento de financiación municipal máis investidor na provincia de Pontevedra foi aprobado no Pleno da Deputación cos votos favorables dos grupos do PSdeG-PSOE e o BNG e a abstención do Partido Popular. Un Plan Concellos que crece nun millón de euros sobre o actual e que destina integramente esta suba a reforzar a liquidez dos concellos de menos de 20.000 habitantes para axudarlles a afrontar os retos da crise de inflación global.
O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, destacou que a Deputación volve responder, como fai ano tras ano, achegando máis recursos e máis mecanismos para afrontar a difícil situación económica internacional, agravada pola “guerra de Putin”, e poñendo en marcha novos mecanismos para asegurar non só a liquidez, senón tamén a creación de emprego, todo elo para continuar garantindo dereitos e servizos na provincia.
A este respecto recordou que este ano introdúcese aínda máis flexibilidade abrindo a posibilidade de desviar ata un 30% dos fondos da liña 1 do Plan Concellos (Investimentos) ata á liña 2 (Pagos a provedores, débeda e gasto corrente). Ademais, a liña 3 (Emprego) reformúlase para adaptala á Reforma Laboral poñendo en marcha así un Programa propio de Políticas Activas de Emprego.
O Plan estrutúrase en 30,5 millóns para Investimentos, 4 millóns para pagos e gasto corrente (absorbe integramente o millón de euros adicional) e outros 9,5 millóns para financiar a nova liña 3 de emprego. Da aposta do Plan Concellos polos municipios de menor poboación dá conta o feito de que os 37 concellos de menos de 10.000 habitantes reciben 19.941.979 euros (o 45,32% do total); os 14 concellos de ata 20.000 habitantes, 14.057.498 euros (o 31,95%) e, finalmente, os 8 municipios que superan os 20.000 habitantes e non chegan a 50.000 habitantes, reciben 10.000.523 euros (un 22,73%). “Polo tanto, o 77,27% dos cartos do Plan Concellos van a municipios pequenos e medianos que, ademais, terán un millón máis que o ano pasado. Reciben 34 millóns sobre os 44 do Plan”, recalcou Carlos Font.
Camiños do Deza
O Pleno aprobou tamén, cos 16 votos a favor de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, unha modificación de crédito por 6,47 millóns de euros que Carlos Font definiu como o “broche final” ao Orzamento vixente de 2022. A modificación posibilitará a execución de novas obras de mobilidade integral nas estradas provinciais por valor de 5,66 millóns de euros e, ademais, a aplicación da compensación ao persoal da Deputación derivada do Real Decreto Lei sobre medidas de protección aos consumidores de enerxía e de retribución ao servicio do sector público, que se traducirá nun incremento das retribucións deste ano dun 1,5%. A maiores coa modificación financiarase a adaptación do novo espazo da Imprenta Provincial dentro do Centro Príncipe Felipe, en Pontevedra, e financiaranse as achegas provinciais necesarias para a posta en marcha de tres proxectos europeos, dous deles de turismo sostible (“Camiños do Deza” e “Entrerríos-Condado-Paradanta”) e un terceiro de índole empresarial (“Acelera Pyme”).