top of page

A Deputación aproba 76.000 euros para mellorar infraestruturas deportivas de Agolada e Cruces

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas xa mobilizou preto de 2,3 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes


Laura Moure/Deza

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar 76.000 euros de axudas para os concellos de Agolada e Vila de Cruces ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros. Os novos fondos servirán, no primeiro caso, para mellorar o campo de fútbol municipal e, no segundo, para acometer obras de mellora e ampliación do ximnasio municipal.


En concreto, os 31.444 euros que recibe o Concello de Agolada permitirán cambiar os focos que están instalados na actualidade no campo de fútbol municipal. Substituiranse os 16 focos, que son de haloxenuro metálico de 2.000 W, por tres módulos de 990 W tipo led, cun total de oito focos novos.

Pola súa banda, o Concello de Vila de Cruces destinará esta achega de 45.305 euros a unhas instalacións que, nestes momentos, dispoñen dunhas dimensións moi reducidas, polo que non dan cobertura á demanda. Desta maneira, ampliarase o local destinado a ximnasio con novas instalacións e procederase a modernizar, remodelar e mellorar as instalacións prevendo os espazos necesarios para cada actividade, de modo que se desenvolvan en condicións de comodidade e seguridade. Así, as diferentes salas de actividades (ximnasio, aula de actividades múltiples, sala de loita, etc.) disporán da superficies adecuadas.

Publicidade

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 2,3 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para Vila de Cruces e Agolada, para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page