top of page

A Deputación adxudica por 92.267 euros a construción dunha senda peonil en Toques

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A actuación, que conta un prazo de execución de cinco meses, tamén inclúe a prolongación da senda existente na marxe dereita da travesía do Souto

Formoso e Buján supervisando a zona.


Laura Moure/Toques

A Deputación da Coruña adxudicou por 92.267 euros o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP 4604 ao seu paso pola Zarra, A Barxa e O Souto, no concello de Toques.


As obras, que contan cun prazo de execución de cinco meses, permitirán construír unha senda peonil de 1,8 metros de ancho na marxe dereita da estrada DP-4604 ao seu paso polos núcleos da Zarra, A Barxa e Souto. Esta unirase coas beirarrúas existentes en ambos extremos. O camiño contará cun solo de cemento e será accesible para todas as persoas.


Á súa vez, incluirase no proxecto a prolongación da senda existente na marxe dereita da travesía do Souto entre os puntos quilométricos 7+479 e 7+585. Para iso empregarase pavimento continuo de formigón coloreado que contará cun ancho de dous metros, similar á beirarrúa existente. A iniciativa tamén inclúe a execución dunha rede de recollida de pluviais nas zonas necesarias.


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a zona no mes de agosto xunto co alcalde do municipio, Miguel Ángel Buján, e constatou a necesidade de «incrementar a seguridade para os peóns nunha zona que conta con edificios a ambas marxes da estrada e que precisa dunha renovación moi demandada para adaptarse á realidade das persoas que transcorren por ela», indicou.


Con esta actuación «seguimos mellorando a seguridade viaria dos 2.500 quilómetros das nosas estradas provinciais, co obxectivo de que tanto os vehículos como os peóns que discorren por elas conten cun espazo axeitado para facelo sen poñer en risco a súa seguridade» destacou González Formoso.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

留言


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page