top of page

A Deputación adxudica a redacción do proxecto que levará a luz ao mosteiro de Carboeiro

As obras na EP-6502 e EP-6505 permitirán ás persoas camiñar ata o cenobio a través de cunetas transitables a modo de sendas peonís


Laura Moure/Silleda

A Deputación vén de dar un novo paso nas obras que permitirán levar a luz eléctrica á contorna do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, ademais de garantir un itinerario a pé en óptimas condicións de seguridade desde o centro urbano da vila grazas á dotación de cunetas transitables a modo de sendas peonís.

A institución provincial vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-6502 Silleda-Castro-Merza e na EP-6505 de acceso ao Mosteiro de Carboeiro, que suporá unha inxección de preto de medio millón de euros cos que se transformarán máis de 2,3 quilómetros destas dúas vías para adaptalas ao modelo provincial de infraestruturas baseado na seguridade, a amabilidade e a sostibilidade.


As obras nestas dúas infraestruturas provinciais permitirán instalar a tubaxe necesaria para poder canalizar a liña de media tensión coa que se poderá dotar de luz o mosteiro. A corrente captarase da liña que atravesa a parroquia de Carboeiro, no lugar de Carboeiriño, e discorrerá soterrada ata chegar á conexión xa existente. Ata agora, cada vez que o concello precisaba iluminar o recinto víase obrigado a contratar xeradores de gasóleo para poñer en funcionamento todas as luminarias, unha solución anacrónica e pouco sostible que ademais supoñía xerar contaminación sonora nunha contorna de alto valor natural.

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais, esta actuación tamén redundará na mellora das condicións do persoal que traballa en Carboeiro, como o da oficina de Turismo Rías Baixas, que poderá ter un sistema de calefacción. Ademais, tamén abre a posibilidade a organizar outro tipo de actividades, como visitas nocturnas, que implican unha maior capacidade de atracción dentro da oferta cultural e turística da comarca de Deza e da provincia de Pontevedra.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

En canto ás actuacións de mobilidade, as obras de mellora da seguridade viaria da EP-6502 e a EP-6505 da Deputación de Pontevedra consistirán na mellora do asfaltado e da sinalización e na dotación de itinerarios peonís en ambas as dúas vías. No caso concreto da EP-6502, construiranse máis de 1,3 quilómetros de cunetas transitables para a mellora da mobilidade peonil, mentres que na EP-6505 acondicionarase a beirarrúa empedrada que leva ao mosteiro, co obxectivo final de que toda a EP-6502 Silleda-Merza-O Castro conte cun itinerario peonil que una Silleda co mosteiro e permita ás persoas visitantes poder deixar o coche con comodidade no centro urbano para dirixirse a pé ao templo, un dos BIC máis antigos de Galicia e o máis visitado do norte da provincia, gozando da contorna natural na que se atopa.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page