top of page

A Deputación achega 115.000 € a Toques para crear unha nova ponte sobre o rego de Porto Salgueiro

A institución provincial financia o 80% dos traballos, e o resto dos cartos serán aportados polo Concello


Laura Moure/Toques

A Deputación da Coruña e o Concello de Toques veñen de formalizar un convenio de cooperación mediante o cal se instrumenta unha subvención nominativa de 115.000 euros destinada ao cofinanciamento das obras da nova ponte sobre o rego de Porto Salgueiro, na parroquia de Santa María de Brañas, no termo municipal de Toques. O acordo foi asinado o venres entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Ángel Penas, nun acto que contou tamén coa asistencia do deputado de Patrimonio, Xosé Penas.

ree

As obras contemplan a construción dunha nova infraestrutura que substitúe a ponte actual, que se atopa en estado defectuoso e cunha capacidade hidráulica insuficiente, o que provoca asolagamentos frecuentes e dificulta o paso de vehículos e maquinaria agrícola. A nova ponte permitirá mellorar as condicións de seguridade viaria e a accesibilidade, resolvendo unha demanda histórica dos veciños e veciñas da zona.


O proxecto técnico define unha nova obra de drenaxe transversal composta por un pórtico de formigón armado de 10 metros de luz e 3 metros de altura, con zapatas soterradas e un taboleiro de 7 metros de ancho. O deseño cumpre coas esixencias do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, asegurando a evacuación do caudal correspondente a unha avenida de retorno de 500 anos e garantindo a seguridade peonil e do tráfico rodado.


O orzamento total das obras ascende a 143.750 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará 115.000 euros, o que supón o 80% do investimento previsto. O Concello de Toques financiará o importe restante con fondos propios.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A actuación inclúe, ademais, a pavimentación do viario municipal nun tramo de 600 metros, a colocación de barreiras de seguridade e pretil metálico, o pintado de marcas viarias e o acondicionamento ambiental da contorna, coa reposición das marxes do río, a plantación de especies autóctonas e a restauración paisaxística da zona afectada polas obras.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que con esta colaboración, a Deputación da Coruña atende unha demanda da veciñanza e do Concello de Toques, mellorando a seguridade da circulación e solventando o problema recurrente das inundacións.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page