"A democracia é transparencia e Taboada non a practica e o seu asesor sábeo", afirma o BNG cruceño
Sinala que as declaracións do goberno son "unha boa fórmula de camuflar o cheiro que emana este proceso selectivo e non dar resposta ás preguntas que o BNG lle formulamos"
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
"A democracia é transparencia e Taboada non a practica e o seu asesor sábeo", afirma así de rotundo o BNG de Vila de Cruces. "O concepto de democracia do señor Taboada queda en evidencia coa presentación duns orzamentos sen consensuar coas demais forzas, fóra de prazo, e despois de tres anos con eles prorrogados, estando nun goberno claramente en minoría pola súa falta de palabra e por interpretar os resultados electorais e democráticos á súa conveniencia", subliña ademais.

"Vemos que a capacidade de reacción do alcalde e o seu asesor vai con retraso. Necesitaron o seu tempo para botar balóns fóra e culpar a Fiuza do que fai ou deixa de facer a máxima autoridade do concello. Unha boa fórmula de camuflar o cheiro que emana este proceso selectivo e non dar resposta ás preguntas que dende o BNG lle formulamos, como: Porque non substitúe ao persoal do tribunal que presenta a renuncia por funcionarios do propio Concello, perfectamente cualificados? Porque a elección dunha funcionaria de Antas de Ulla? Cal é a relación que o alcalde ten con este Concello? Ou por que suspende o proceso de selección en lugar de pospoñelo ata a designación dun novo tribunal? Xa que o feito de suprimir o proceso, afecta ás persoas aspirantes que adicaron o seu tempo e cartos para acceder a este posto", remarca o BNG.
E apunta que "o nerviosismo denótase en Taboada a través do seu asesor cos seus comunicados cheos de carraxe e sen coñecemento algún do noso concello. Este nerviosismo do que fala o señor Taboada faise público en vistas de novas eleccións municipais, xa que veu pasar catro anos onde o seu maior mérito foi a redución de mesas electorais, a redución de servizos, a falta de empresas que non poden asentarse en Vila de Cruces por falta de chan industrial, que nin intentou promover, e despois de anuncialo a bombo e prato na anterior campaña, onde presumía de ter amigos dispostos a asentar empresas no noso concello. E falando de amigos, quere aclararlle a Luis Taboada, que o portavoz nacionalista, Fiuza, se leva ben con moitas persoas e con toda a veciñanza de toda cor política, e tamén con varias persoas que se presentan a este proceso e a outros moitos, non coma el, que foi quen, Taboada, de morder a man que lle deu de comer durante tantos anos".
NOTICIAS RELACIONADAS:
O que dixo o equipo de goberno: https://www.ecosdacomarca.com/post/taboada-ve-moi-preocupado-a-%C3%A1lex-fiuza-por-esta-bolsa-de-traballo-non-ser%C3%A1-que-ten-alg%C3%BAn-amiguete
O que dixo o BNG sobre o proceso selectivo: https://www.ecosdacomarca.com/post/fiuza-lamenta-que-non-se-siga-co-proceso-selectivo-da-bolsa-de-traballo-para-nomeamentos-interinos