A delegada da Xunta na Coruña mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Boimorto
- Laura Moure

- 30 may
- 2 min de lectura
Destacou a importancia da colaboración institucional entre ambas administracións para dar resposta ás demandas dos veciños e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos
Laura Moure/Boimorto
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios.

Durante o transcurso da reunión, a delegada da Xunta lembrou que este ano o Concello xa ten confirmada unha achega de preto de 3.000 euros para a prestación do servizo de socorristas na piscina municipal xestionada directamente polo concello. Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.
PUBLICIDADE
Ademais, este municipio tamén conta, este ano, cun apoio do Goberno galego de case 34.000 euros a través do Programa Rural Activo para a contratación de dous traballadores. Estas subvencións teñen como obxecto promover accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais de Galicia de menos de 50.000 habitantes, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Ditas persoas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
PUBLICIDADE
A delegada da Xunta tamén lle confirmou no encontro que este municipio recibirá unha achega do Fondo de compensación ambiental (FCA) non competitivo deste ano para a adquisición dunha retroexcavadora grazas a un apoio de 7.000 €. estas achegas están a disposición dos concellos que contan no seu territorio con algún parque eólico ou líñas de evacuación.
Finalmente, a delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para dar resposta ás demandas dos veciños de Boimorto e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio.








Comentarios