top of page

A cultura urbana protagonizará unha nova edición de Arzúa Viva que terá lugar o 25 de xullo

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O programa estival contará ademais con actividades de lecer e exhibicións para o público infantil e a mocidade


Laura Moure/Arzúa

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido pola concelleira Aurora Varela, dá a coñecer o programa de actividades para unha nova edición de Arzúa Viva, incluída na programación cultural de verán. A Praza de Galiza acollerá o domingo 25 de xullo a decimocuarta edición con actividades de lecer e varios obradoiros de cultura urbana durante toda a tarde para público infantil e para a mocidade.

Actividade do Arzúa Viva do ano 2019.


Ás 17:00 horas dará comezo o evento no que haberá unha zona de obradoiros con inscrición previa e outra zona de xogo libre. Os obradoiros que se van levar a cabo, todos de temática de cultura urbana, son de Cap paint (pintado de gorras) e de Danza urbana, ambos ás cinco da tarde para participantes a partir dos oito anos cumpridos no momento dainscrición. Tamén haberá un obradoiro de Graffiti ás sete da tarde e para participar deberase ter un mínimo de 10 anos.


Para estas tres actividades será necesaria inscrición previa no teléfono 981 500 222 do 15 ao 21 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas. A participación nas mesmas é de balde e as prazas limitadas.


Por outra banda, haberá unha zona de xogo libre que contará con inchables de salto, unha diana xigante e unha portería de precisión, entre outras propostas. A xornada rematará ás oito do serán cunha exhibición de Danza Urbana a cargo da Asociación Cultural Vella Escola.


Durante as actividades cumpriranse os protocolos vixentes fronte á Covid-19. En caso de mal tempo, as actividades celebraranse no Multiusos Terra do Queixo.

0 comentarios

댓글


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page