A cruceña Elena Ferro será nomeada Valedora da Empanada da Bandeira
- Laura Moure
- 20 may 2024
- 2 Min. de lectura
Esta celebración silledense será o 24 de agosto
Laura Moure/Deza
A Asociación Cultural Amigos da Empanada vén de anunciar que a zoqueira cruceña Elena Ferro será galardoada co título de Valedora da Empanada da Bandeira durante a celebración do acto oficial da próxima edición da Festa da Empanada, que terá lugar o sábado 24 de agosto ás 13:00 horas na vila da Bandeira (Silleda).

Elena Ferro pertence á terceira xeración dunha familia especializada na elaboración de zocos de madeira que data do ano 1915. Se ben co constante abandono do traballo de campo foron desaparecendo os zoqueiros, Elena logrou adaptarse aos novos tempos e, mediante atrevidas cores e un elevado grao de innovación, puido manter vivo un oficio tradicional tan importante para Galicia. Baixo a marca Eferro, Elena e a súa familia poñen toda a alma e paixón para alcanzar un produto de gran calidade e adaptado á moda máis actual.
E proba do éxito do Eferro atopámolo nas diversas plataformas dixitais nas que está presente, como Facebook ou Instagram, onde acumula decenas de miles de persoas seguidoras que están impulsando este negocio a interesantes mercados internacionais coma Nova Zelanda, Suiza ou Estados Unidos. Tamén é importante destacar que Elena Ferro resultou gañadora de diversos recoñecementos como o Premio de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas no ano 2010 ou o Premio Nacional de Artesanía 2019. Así mesmo, na actualidade Elena é impulsora da Eferro Foliada, un evento que reúne cada mes de setembro en Merza a multitude de grupos de música e artistas galegos do momento.
Publicidade
No acto de nomeamento, Elena Ferro recibirá o xa coñecio Mandil dos Valedores e Valedoras e a figura do Carballo, símbolo do máximo recoñecemento outorgado pola Festa da Empanada da Bandeira e da unión da persoa galardoada á vila da Bandeira a través das raíces desta árbore tan representativa da cita gastronómica. Esta distinción honra a persoas influíntes en diversos campos como a comunicación, gastronomía, ciencias, cultura e o deporte entre outros ámbitos, as cales asumen ao mesmo tempo o compromiso de defender a empanada galega e a festa que a celebra, converténdose en embaixadores dun dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega.
O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Andrés Seoane, destaca a figura de Elena Ferro, sendo "unha auténtica honra e un orgullo contar con embaixadoras da talla de Elena xa que ademais da súa brillante carreira profesional, é unha persoa comprometida coa nosa cultura e que representa á perfección os valores que defendemos na Festa da Empanada”. Cabe destacar que Elena Ferro xa colaborou noutras ocasións coa Empanada, sendo a creadora do cartel da súa 46 edición.
En edicións anteriores, figuras de renome como os xornalistas Pepe Domingo Castaño, Ana Pardo de Vera, María Lama ou Fernando Ónega, chefs Estrela Michelín como Lucía Freitas ou actrices como Lucía Veiga foron galardoadas con este recoñecemento. Nas vindeiras semanas, a Asociación Amigos da Empanada da Bandeira continuará anunciando máis detalles e novidades dun evento que chega ao seu medio século de vida.
Podedes seguir todos os detalles desta festa na súa web: https://www.festadaempanada.org/
Comments