A contaminación do río Arnego nótase, cada vez máis, na súa desembocadura en Portodemouros
Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Presas
Antonio Presas, xeógrafo lalinense
En ECOS DA COMARCA compartimos este artigo autoría de Antonio Presas, xeógrafo lalinense.
A CONTAMINACIÓN DO RÍO ARNEGO NÓTASE, CADA VEZ MÁIS, NA SÚA DESEMBOCADURA NO ENCORO DE PORTODEMOUROS
"O almacenamento de auga no encoro de Portodemouros continúa á baixa, o seu nivel está en constante descenso por causa do desembalsado planificado ao que se ve sometido este ano, e iso repercute, de forma clara, na calidade das súas augas. Canto máis baixo sexa o seu nivel máis se caldeara a auga embalsada e, como consecuencia, a proliferación de cianobacterias aumentará proporcionalmente.
As cianobacterias que se forman en zonas de augas quentes estancadas aumentan de forma exponencial na medida en que contan con elementos nutrientes abundantes, os nitratos, en consonancia co aumento de temperatura da auga. Por todo iso, a época na que aparece unha gran parte do encoro de cor verdosa, especialmente na cola do embalse e na desembocadura do río Arnego e do río Iso, coincide cos meses de final do verán (finais de agosto e setembro).
O río Arnego, que nace na Serra do Faro a case 1.000 metros de altura, percorre unha distancia de 56,5 quilómetros ata chegar a confluencia co vello nivel do Ulla (antes da existencia do encoro de Portodemouros) un poco máis abaixo do anterior Brocos ribeirao. A complexa rede fluvial do Arnego, articulada en forma de "espiña de peixe" polo río principal, recolle as augas de escoamento de toda a súa conca (uns 373 quilómetros cadrados), que se extende polos concellos de Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces e Lalín, nun territorio no que predominan as actividades do "Sector Primario" como son a agricultura e gandería.
Publicidade
Estas actividades, na fase, actual empregan enormes cantidades de fertilizantes, especialmente productos nitroxenados, diseminan polos campos, de forma bastante arbitaria e imprudente, miles de metros cúbicos de xurros de orixe vacuno, porcino e aviar.
Por outra banda, as granxas extendidas por todo o territorio e difuminadas polos espacios libres nestes últimos 20 anos, causan vertidos directos que chegan á rede fluvial, pola que se propagan rapidamente ata chegar "río abaixo" á gran cloaca do encoro de Portodemouros.
O sucedido estes últimos días (a medidos do mes de xullo) é un claro exemplo de todo isto:
1- O 17 de xullo aparecen augas turbias no lago axardinado da Vila de Rodeiro, procedentes de vertidos de xurro en fincas cercanas ou por vertidos directos, posiblemente rebosamento, dalgunha balsa de purín.

2- O caudal do río Arnego é relativamente baixo nesta época do ano. En concreto, o 17 de xullo o caudal deste río, na estación de aforos de Ponte do Porto (Carmoega), foi de 1,068 metros cúbicos por segundo. Cun caudal tan baixo os efectos da contaminación.
agrávanse no propio río e chegan con relativa facilidade ao encoro de Portodemouros.

3- A cola do encoro de Portodemouros no río Arnego, na ponte da estrada que une Vila de Cruces con Brocos, presentaba un aspecto prematuramente verdoso o día 16 de xullo (ano 2025) por causa da proliferación de cianobactarias.

Publicidade
EN RESUME:
O baixo nivel do encoro (moi acusado para esta época do ano), o rápido quecemento das augas do encoro (favorecido polo baixo nivel) e a chegada de augas contaminadas con nutrientes nitroxenados convertan a este enorme encoro nun caldo de cultivo, que anticipa a súa actividade máxima nun par de meses. Onde máis se nota a proliferación de cianobacterias é, precisamente, nas colas do encoro, desembocaduras dos ríos máis importantes: Ulla, Arnego, Iso.
A este ritmo as augas do encoro, nos meses de agosto, setembro e outubro terán un aspecto e condicións asombrosamente preocupantes. A futura instalación dunha celulosa que verte augas contaminadas ao río Ulla, por arriba do encoro, será o anuncio dunha morte anticipada".
Antonio Presas, xeógrafo lalinense.









Comentarios